Cultura
Deputación de Lugo

O Centrad convocará unha liña de axudas directas para profesionais da artesanía

CENTRAD
Efrén Castro Caloto
Efrén Castro nunha reunión telemática
Efrén Castro avanzou ao sector que as achegas, que pretenden “contribuír a paliar as consecuencias da crise da Covid 19”, sumarán un importe mínimo de 50.000 euros

Lugo, 24 de abril de 2020 - O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, participou esta tarde nun encontro virtual con artesáns e artesás para analizar a situación en que se atopa o sector ante a crise provocada pola Covid-19.

Os participantes amosaron a súa preocupación polo futuro das feiras de artesanía, demostracións, obradoiros e visitas guiadas a curto e medio prazo e valoraron o interese do deputado por coñecer de primeira man as inquedanzas e necesasidades ante o novo escenario.

Durante a vídeo reunión, Efrén Castro avanzou que o Centro de Artesanía e Deseño está a traballar nunha liña de axudas directas cun importe mínimo de 50.000 euros. “Son achegas directas, que beneficiarán a todos os artesáns e artesás acreditadas. Estamos rematando de elaborar as bases para sacar adianta a convocatoria en canto sexa posible, e tratar de axudar ao sector no momento máis agudo da crise, dentro das nosas posibilidades”, expuxo o deputado.

Os participantes confirmaron que a pandemia obrigou a suspender feiras, envíos de pedidos e visitas de grupos que xestionaran nos últimos meses, afectando as súas economías. Tamén manifestaron a súa preocupación polo turismo, fonte de ingresos para os proxectos artesáns máis apegados ao territorio.

No encontro virtual participaron Francisco Fra, que ten en San Cibrao a única carpintería de ribeira en activo da provincia; a deseñadora Pilar Cupeiro, que leva o seu obradoiro de iluminación e artes plásticas en Cospeito;  a xoieira lucense Estefanía Gazol de Mil Brumas; Elías González, que segue a tradición oleira de Gundivós ; e o luthier Xaneco Tubío, que ten o seu obradoiro de instrumentos en Outeiro de Rei.