Axenda Institucional
Deputación de Lugo

O Goberno provincial decide doar o 30% do salario de abril dos seus 13 deputados para paliar os efectos da crise sanitaria

coronavirus
corporación goberno
goberno
O Executivo da Deputación de Lugo mostra con este xesto a súa solidariedade coa cidadanía e coas empresas que perderon os seus ingresos durante a crise provocada polo Covid-19

O Goberno da Deputación de Lugo decidiu doar o 30% do salario do mes de abril dos 13 deputados e deputadas do PSdeG e do BNG que conforman o Executivo provincial para paliar os efectos derivados da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicouque con esta medida, “máis alá da contía económica que pode supoñer esta doazón en si mesma, queremos que sexa un xesto de solidariedadecoa cidadanía e coas empresas que perderon os seus ingresos habituais e que están atravesando momentos difíciles”. Ademais, engadiu, “como responsables políticos, como persoas con vocación de servizo público, temos que dar exemplo nesta crise sanitaria que ten un gran impacto económico e laboral. Hai actoscomo esta doazón dunha parte dos nosos soldos co que,sen solucionar o grave problema sanitario, queremos sumarnos á gran resposta de solidariedade que está amosando a sociedade lucense con quen o está pasando peor e enfrontándose en primeira liña a esta situación”.

O Executivo provincial quere que a cantidade que doen dos seus salarios se destine a paliar os efectos derivados do impacto da crise do coronavirus. “Estamos nun momento no que cómpre fortalecer a nosa sanidade pública, o estado de benestar e a reconstrución económica e social. Como representantes de todos os veciños e veciñas da provincia ao fronte desta institucióndebemos seguir tomando medidas políticas no ámbito social e económico para paliar a crise, fixémolo e seguirémolo facendo, pero tamén creo que debemos amosar que podemos poñer o noso grao de area persoal nesta causa”, afirmou o Presidente. 

Na mesma liña, a Vicepresidenta, Maite Ferreiro, sinalou que a doazón é “só un xesto simbólico que en ningún caso substitúe o papel das administracións. Esta emerxencia sanitaria evidencia a necesidade de afortalar a sanidade pública, os servizos de protección social e a investigación; e iso require unha decidida aposta política polo público”.

“Estamos vivindo unha gravísima situación de emerxencia sanitaria que golpea a todo o país. Unha situación que nos provoca a todos desconcerto e unha fonda preocupación, nos nosos veciños e veciñas, nas familias, nos traballadores e traballadoras e nas empresas, polas consecuencias que pode levar consigo a nivel social e económico”, asegurou o Presidente, quen lembrou que a Deputación está a adoptar por elo un conxunto de decisións para facer fronte á crise. Deste xeito, entre outras medidas, a través do Plan Único, vén de poñer a disposición dos Concellos de maneira directa 21,3M€, dos que a metade, máis de 10,6M€, poderán destinalos a medidas sociais fronte ao Covid-19, o que supón o maior esforzo económico feito polo conxunto das administracións na provincia de Lugo contra esta pandemia