Deputación de Lugo
Emprego
Infraestruturas

A Deputación inicia os traballos de renovación da cuberta do Pazo de San Marcos onde se invisten 345.000€

Xunta de Goberno
Pilar García Porto
A Xunta de Goberno deste venres tamén aprobou o orzamento definitivo de 40.900€ para unha obra de emerxencia no concello de Viveiro para reparar os danos dun temporal na estrada LU-P-6604 na parroquia de Magazos

Ademais, déuselle o visto bo ás bases para cubrir prazas de persoal na institución provincial con carácter temporal para a creación de listas e tamén para promoción interna vertical en diferentes postos de traballo

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres o inicio dos traballos de renovación da cuberta do Pazo de San Marcos onde se invisten 345.000€. Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que explicou que son unhas obras que quedaran suspendidas polo mal tempo a principios de ano. Os traballos consisten en renovar a lousa da cuberta que presenta deficiencias. 

Por outro lado, García Porto tamén deu conta de que hoxe quedou aprobado o orzamento definitivo para unha obra de emerxencia na estrada provincial LU-P-6604, no concello de Viveiro. Trátase dunha vía provincial que se veu afectada a finais de ano por un escorregón dunha ladeira e que provocou o corte polos desprendementos de terra que impedían o transito de vehículos por esta zona. As actuacións desenvólvense entre o quilómetro 0 e o 0,8, cun investimento que ascende aos 40.900€. 

Emprego público
Ademais, a Xunta de Goberno de hoxe avanzou en diferentes aspectos en materia de emprego público. Por un lado, aprobáronse as bases que rexerán os procedementos selectivos para cubrir prazas do cadro de persoal funcionario e laboral reservadas á promoción interna na Deputación de Lugo. Tamén, se lle deu luz verde á convocatoria e bases específicas para a cobertura dunha praza de auxiliar técnico, técnico informático, deseñador infografista e restaurador e conservador do arquivo, unhas prazas reservadas para promoción interna vertical. E en terceiro lugar, quedaron aprobadas as bases xerais polas que se establecen as normas para a elaboración de listaxes para a prestación de servizos de carácter temporal nos postos de veterinario, enxeñeiro técnico agrícola e para administrativo.