Deputación de Lugo
Emprego

Comezan as entrevistas para seleccionar aos participantes do plan de emprego xuvenil Prende!

Pablo Rivera Capón
Prende
Emprego
Entrevistas Prende
A Deputación ofrece aos preto de 90 mozos e mozas inscritos a posibilidade de facer a proba en diferentes localidades para facilitar a súa incorporación ao programa e evitar custes engadidos

A etapa de formación remunerada deste proxecto co que a institución provincial busca fixar poboación no rural arrancará este mes de marzo

Os técnicos da Deputación de Lugo desenvolven esta semana as entrevistas para seleccionar aos 60 participantes do programa de emprego xuvenil Prende! Bota raíces no rural. A institución provincial escollerá, a través deste proceso, a 60 mozos e mozas de entre as preto de 90 solicitudes que chegaron en tempo e forma. Está previsto que a etapa formativa do plan arranque durante o mes de marzo.

Coa idea de facilitar a incorporación dos participantes ao programa e evitarlles custes engadidos, a Deputación realiza as entrevistas nas diferentes localidades onde terá a etapa de instrución ou en Lugo capital. Onte, as entrevistas tiveron lugar na Granxa Gayoso Castro; hoxe son en Pedrafita; mañá, mércores, celebraranse en Monforte de Lemos; o xoves, no Valadouro; e o venres, na propia Deputación.

A formación levarase acabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal(na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zonacentro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao finaldeste período.

Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

No plan, co que a Deputación busca fixar poboación moza nos 55 concellos da provincia de menos de 5.000 habitantes ou ata 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo,puideron participar veciños dos seguintes municipios: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito,Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla,Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.