Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación acolle aos primeiros escolares que participan no proxecto divulgativo Mar Interior

educación ambiental
infancia
A Deputación de Lugo acolle aos primeiros escolares que participan no proxecto divulgativo Mar Interior
Esta iniciativa posta en marcha pola Deputación e o Centro Oceanográfico de Vigo incluirá ata o vindeiro sábado a mostra do proxecto Oceánicas, ademais de diferentes obradoiros científicos

O Presidente sinalou que “o que pretendemos con esta iniciativa é achegar o mundo do mar aos rapaces e a xente moza para coñecelo e respectalo,sobre todos aos que viven no interior”

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron na apertura das actividades do proxecto divulgativo Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, posto en marcha pola Deputación e o Centro Oceanográfico de Vigo. Este proxecto incluirá ata o vindeiro sábado na Sala de Exposicións da Deputación a mostra do proxecto Oceánicas, ademais dos diferentes obradoiros científicos. Este proxecto trasladarase á Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos do 23 ao 29 de marzo.

O Presidente sinalou que “o  que pretendemos con esta iniciativa é achegar o mundo do mar aos rapaces e a xente moza para coñecelo e, tamén, para respectalo, sobre todos as persoas que viven no interior, as persoas que viven na costa teñen máis coñecemento pero os que viven no interior. Polo tanto, é unha iniciativa na que adquiren coñecementos do mundo mariño a través das explicacións do que poden ver nos talleres”. 

Nos obradoiros participarán preto de 800 alumnos e alumnas de 20 centros educativos, para os que a Deputación financia o transporte ata o Pazo de San Marcos. Nesta primeira xornada asistiron o IES Lucus Augusti, o CEIP Plurilingüe Virxe da Luz, o CEIP Manuel Mallo Mallo, o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz e o CEIP O Salvador da Pastoriza. Nos próximos días visitarán esta exposición outros centros educativos da provincia.