Deputación de Lugo
Medio ambiente

Arranca na Deputación un proxecto divulgativo sobre o medio mariño cunha conferencia sobre a ameaza dos plásticos

educación ambiental
Medio Ambiente
Pilar Garcia Porto
Arranca na Deputación de Lugo un proxecto divulgativo sobre o medio mariño cunha conferencia sobre a ameaza dos plásticos
O Pazo de San Marcos acolleua charla, no marco do programa Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia, froito da colaboración entre a institución provincial e o Centro Oceanográfico de Vigo

Preto de 800 rapaces e rapazas de 20 centros educativos participarán nos obradoiros científicos gratuítos, que comezan mañá

A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na conferencia A Ameaza dos plásticos para o mundo mariño, dirixida por Jesús Gago, oceanógrafo, químico e investigador do Instituto Español de Oceanografía, experto na avaliación da contaminación por plásticos no océano. Con esta charla arranca o proxecto divulgativo Mar interior: un océano de oportunidades no corazón de Galicia,froito da colaboración da Deputación e o Centro Oceanográfico de Vigo, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Pilar García Porto sinalou que este proxecto “co que colaboramos é unha boa forma de fomentar a conciencia social no respecto e o coidado do medio ambiente nun tempo de emerxencia climática que entre todos e todas temos a obriga de combater. Ademais, é unha maneira de achegar aos máis pequenos e aos veciñas e veciños da provincia a riqueza do mundo mariño e aos perigos aos que se afronta”.

Este proxecto inclúe ata o vindeiro sábado a mostra do proxecto Oceánicas, na Sala de Exposicións da Deputación, e diferentes obradoiros científicos gratuítos destinados principalmente a escolares de Educación Primaria e ESO, aínda que tamén poderán asistir, a estas mesmas actividades en horario de tarde, todas as persoas interesadas. 

Nos obradoiros en xornada de mañá participarán preto de 800 alumnos e alumnas de 20 centros educativos, para os que a Deputación financia o transporte dos escolares ata o Pazo de San Marcos. Este proxecto trasladarase á Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos do 23 ao 29 de marzo.