Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación obtén a licencia municipal para construír a residencia de Guitiriz, o último paso para iniciar as obras

Guitiriz
Residencias
A Deputación obtén a licencia municipal para construír a  residencia de Guitiriz, o último paso para iniciar as obras
A institución provincial ten adxudicados os traballos en 1,2M€ e conta tamén coa autorización administrativa da Xunta para a creación desta dotación social

Con este novo paso, a Deputación segue a cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos para a construción e posta en marcha de centros de atención a maiores

A Deputación de Lugo obtivo este mércores a licenza de obra do Concello de Guitiriz para a construción do centro de atención a maiores na Casa da Botica. Deste xeito, os traballos para habilitar a residencia poderán comezar nunhas semanas, toda vez que xa están adxudicados en 1,2M€ á empresa Joca e unha vez obtida tamén a autorización administrativa da Xunta para a creación desta dotación social.

O Presidente, José Tomé, subliñou que, con este novo paso, “seguimos demostrando a nosa firme e clara vontade de cumprir con todos e cada un dos compromisos adquiridos cos concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, tal e como afirmamos dende o principio do mandato”.

Tomé destaca que a colaboración e permanente contacto da Deputación co Concello de Guiritiz, coa súa Alcaldesa, Marisol Morandeira á fronte, permitiu avanzar na tramitación administrativa necesaria para poder dar comezo ás obras, “sabemos que unha nova moi esperada polos veciños e veciñas, que levan moito tempo agardando para que ver materializado un proxecto fundamental para a localidade, tanto para mellorar o benestar, como para a creación de emprego sostible”:

A residencia de Guiritiz contará con tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e unha habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

Características
A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiuso, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos para uso para uso xeral adaptados. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións cada unha delas cun baño adaptado incorporado e un local para baño geriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.

9M€ nos Orzamentos 2020
A Deputación de Lugo destina nos Orzamentos deste 2020 unha partida de 9M€ para o funcionamento das tres residencias abertas, as de Trabada, Pol e Ribadeo, para poñer en marcha as de A Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e para avanzar no equipamento de Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil.