Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Últimas horas para anotarse no Memorial Negrín, que se celebrará o sábado en Rábade

MEMORIAL NEGRÍN
EFRÉN CASTRO
CONCELLO DE RÁBADE
CARREIRA POPULAR
A proba, con sete quilómetros de percorrido para a categoría absoluta, conta xa con máis de 700 persoas inscritas

Hoxe conclúe o prazo para inscribirse no XVII Memorial Eduardo Fernández Villamarín “Negrín”, que terá lugar o sábado no concello de Rábade. Son as últimas horas para sumarse ás mais de 700 persoas que formalizaron a súa inscrición na carreira, unha das de “maior tradición, sona e participación das que se celebran na provincia”, segundo sinalou  o alcalde rabadense, Francisco Jóse Fernández Montes, na presentación do evento que contou coa participación do deputado de Deportes. “Afortunadamente, temos moitas carreiras populares ao longo do ano, pero esta de Rábade é, sen dúbida, unha das marcadas en vermello para afeccionados e atletas”, remarcou Efrén Castro. As persoas interesadas en participar poden anotarse na web de Champion Chip Norte.

Gran participación das categorías inferiores

A proba desenvolverase nun circuíto urbano no que os  participantes terán que dar dúas voltas para completar un percorrido de sete quilómetros na categoría absoluta. Este ano, como novidade, haberá un sprint intermedio situado ao final da primeira volta.

A carreira está aberta tamén á participación das categorías de menores, con percorridos adaptados, entre os 80 metros da categoría mini -non competitiva- ata os 1,8 metros para os nados entre 2003 e 2006. A saída realizarase de forma escalanada, desde ás 16:30 horas ata as 17:00 horas, cando comezará a proba absoluta.

Na presentación da proba, o tenente de alcalde de Rabáde, Alejandro Martínez Campos, felicitouse pola gran capacidade de convocatoria da proba entre os rapaces e rapazas e subliñou que “200 inscricións correspondían a menores de 16 anos”.

Homenaxe a Negrín

Eduardo Fernández Villamarín “Negrín” (1936-2003) foi un dos pioneiros do atletismo na vila, onde fundou a Sociedade Atlética Rabadense, e na provincia. Iniciouse neste deporte coa carreira de cross, unha modalidade na que logrou os seus primeiros éxitos a nivel provincial.

En 1959, no primeiro Campionato de España de Segunda Categoría, o atleta de Rábade, deu ó deporte lucense unha gran alegría ao completar a proba de 3.000 metros obstáculos en 9 minutos  e 37 seguntos, daquela a quinta mellor marca nacional do Estado.  Na década dos 60 seguiu colleitando excelentes resultados en probas de 3.000 obstáculos e 10.000 metros lisos en diferentes competicións a nivel estatal, nas filas do San Fernando de Lugo.