Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación colabora coa Asociación Ponte dos Santos cunha axuda para o transporte escolar

Mayra García
Asociación Ponte dos Santos
Encontro coa Asociación Ponte dos Santos.IMG01
Mayra García Bermúdez mantivo un encontro co colectivo formado por familias con nenos e nenas con discapacidade da Mariña, co que a institución provincial colabora cunha achega de 12.000€

A Deputada de Facenda, Mayra García Bermúdez, mantivo un encontro este luns no local social do Concello de Barreiros con usuarios e usuarias da Asociación Ponte dos Santos, formada por familias con nenos e nenas con discapacidade da Mariña, unha entidade coa que a institución provincial colabora cunha achega económica de 12.000€ para o transporte escolar.

No encontro, no que participou a presidenta de Ponte dos Santos, María José Sante Riopedre, a Deputada puxo en valor o traballo deste colectivo en favor da integración e da mellora da calidade de vida e o benestar dos nenos e nenas usuarios e das súas familias. Con esta axuda, a Deputación colabora cos gastos de transporte para que os rapaces poidan asistir ao colexio de Educación Especial Edes en Tapia de Casariego, evitando que estean separados do seu entorno familiar. 

A maioría dos usuarios da Asociación Ponte dos Santos estiveron escolarizados en centros educativos ordinarios, pero as súas necesidades, como o cambio de etapa educativa, deben cubrirse en colexios específicos que na maioría dos casos distan moitos quilómetros dos seus domicilios. O Colexio Edes é un centro específico que recibe alumnado con discapacidade intelectual dende os 3 aos 20 anos de idade e conta con formación en infantil, educación básica obrigatoria e programas de transición á vida adulta. Ademais dispón de instalacións adecuadas ás necesidades dos alumnos, nas que traballan de forma individualizada con cada usuario en obradoiros de cociña, teatro, horta ou xardinaría, entre outros.