Deputación de Lugo

Towanda Rebels abre os Faladoiros Feministas da Deputación de Lugo

faladoiro
feminismo
Faladoiro Feminista
- O coloquio desenvolveuse no Vello Cárcere de Lugo, onde Teresa Lozano e Zua Méndez expuxeron a súa forma de entender e sentir este movemento social

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e Fátima Pérez, do Foro Feminista Maruxa Mallo, inauguraron este venres un novo ciclo de Faladoiros Feministas impulsados pola Deputación de Lugo, que se desenvolverán ata o mes de maio. Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels, foron as encargadas de establecer un coloquio no Vello Cárcere de Lugo coas persoas que se achegaron ata o encontro. 

A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feministas Maruxa Mallo organizan esta iniciativa que ten como obxectivo conectar o feminismo coa cidadanía, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas.

Ademais da achega económica necesaria para a organización dos Faladoiros Feministas, a Deputación, a través do Servizo de Audiovisuais, contribuirá á súa difusión.

Os faladoiros continuarán ata o mes de maio coa celebración doutras catro citas, nas que intervirán Ana Iglesias, o 28 de febreiro; Marta Busquets, o 13 de marzo; Carmen Castro, o 24 de abril, e Mabel Lozano, o 22 de maio. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.