Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Presidente asina co Alcalde o convenio marco para abrir a residencia de Castroverde

José Tomé Roca
Castroverde
Residencias
Convenio Castroverde
Avanza así o procedemento administrativo para poñer en marcha o Centro de Atención a Maiores, para o cal a Deputación ten consignación económica no Orzamento do 2020

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Alcalde de Castroverde, José María Arias Fernández, asinaron no Pazo de San Marcos, o convenio marco de colaboración entre a institución provincial e o Concello para a apertura e funcionamento do Centro de Atención a Maiores da localidade, Residencial O Castro, despois de que o Pleno municipal acordase por unanimidade o sumarse ao mesmo e que a Xunta de Goberno provincial lle dese o visto bo. Deste xeito, avanza o procedemento administrativo para poñer en funcionamento a residencia de Castroverde, para o cal a Deputación ten reservados xa nos Orzamentos deste 2020 os recursos económicos necesarios.

Unha vez asinado o convenio marco, sentaranse as bases do modelo de xestión e trasladaranse ao Concello de Castroverde, para posteriormente asinar o convenio específico que garantirá a xestión pública deste centro.   

Este modelo de cooperación da Deputación co Concello de Castroverde establece que o acceso ás prazas será de xeito preferente para os veciños deste municipio; en segundo termo para os dos municipios limítrofes ou da comarca; e logo para lucenses en xeral. Ademais, todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poderán acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. 

A día de hoxe, a Deputación ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo e no vindeiro mes de febreiro comezará a funcionar o centro da Fonsagrada. A institución provincial destina 9M€  neste 2020 para o mantemento das residencias de maiores e para a posta en marcha das do concello fonsagradino, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, ademais de para avanzar no equipamento das de Meira e Ribas de Sil. 

Carril bici do Rato
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou da sinatura do convenio marco de colaboración entre a Deputación e o Concello de Castroverde para a apertura da residencia da localidade durante a rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno, na que se acordou suspender os traballos de acondicionamento do carril bici no Paseo do Rato ata que melloren as condicións climatolóxicas.

Segundo indicou García Porto, só queda estender o formigón e rematar o axardinamento e acondicionamento da paisaxe. “É necesario suspender os traballos porque nada máis botar o formigón habería que estender unha capa de resina que precisa dunhas condicións de temperatura e humidade que non se dan nesta época do ano. Os técnicos calculan que en abril ou maio poderían darse estas condicións e que dende o momento no que se retomen os traballos, estes poderían durar un mes ou mes e medio”, explicou a voceira provincial socialista.