Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A área de Deportes e o CB Breogán colaboran con Afalu para incidir na prevención das enfermidades neurodexenerativas


O vindeiro encontro do equipo celeste no Pazo dos Deportes dedicarase a visibilizar a labor da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer

A  Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer (Afalu) estará presente no vindeiro partido do CB Breogán, o venres ante o CB Almansa, para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia da prevención das enfermidades neurodexenerativas.

A entidade lucense, que leva dezaoito anos traballando na mellora da calidade de vida das persoas enfermas e das súas familias, será a protagonista da acción social prevista para o encontro no marco do convenio de patrocinio entre a área de Deportes e o club celeste,  presentada esta mañá no Salón de Actos da Deputación Provincial.

Iria Franco, vicepresidenta de Afalu, explicou que “a labor preventiva é básica”. “Está demostrado que cun traballo axeitado, no sesenta por cento dos casos poderiamos evitar ou atrasar o deterioro cognitivo que provocan este tipo de enfermidades”, expuxo a representante da entidade, que conta cun centro de atención en Lugo e xestiona unidades terapeuticas en Vilalba, Friol e Rábade.

Persoal de Afalu repartirá información sobre o programa preventivo que desenvolve a asociación aproveitando o encontro do vindeiro venres no Pazo Provincial.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, recoñeceu o traballo que desenvolve a asociación e amosou a súa satisfacción por “contribuír á difusión desta mensaxe, que pode axudar a previr estas enfermidade e facer a vellez máis agradable para as persoas maiores e para as persoa que están ao seu coidado”.

Na mesma liña, o director deportivo do CB Breogán, Tito Díaz, subliñou que “o Breogán é parte de Lugo e axudar a todas as asociacións de Lugo é parte da súa tarefa diaria”.

O encontro, o último da primeira volta para o club breoganista, disputarase ás 21:00 horas no Pazo Provincial dos Deportes.