Deputación de Lugo

A Deputación apoia a reivindicación veciñal e reclama á Xunta a creación dunha unidade de ictus no HULA

HULA
ictus
Xunta
Pleno, 31 de Decembro
“As unidades de ictus reducen a mortalidade, melloran o proceso de recuperación e diminúen a dependencia dos pacientes”, subliñou a voceira socialista, quen lembrou que só Lugo e Ourense carecen deste servizo nos seus principais centros hospitalarios

A Corporación esixe medidas ó Goberno galego para rematar coa praga de roedores que xa afecta a unhas 300 explotacións e unha extensión de 3.000 hectáreas da Montaña lucense

A Deputación de Lugo, co voto en contra do PP, demanda á Xunta de Galicia a creación dunha unidade de ictus no Hospital Lucus Augusti (HULA). Así o acordou o Pleno provincial celebrado este venres logo da moción presentada polo PSdeG, que contou co apoio do BNG. Profesionais sanitarios, veciños e veciñas levan anos solicitando unha unidade específica no complexo lucense que permita atender a pacientes cunha enfermidade cerebrovascular aguda. Son unidades que teñen unha importancia como centro de recepción de pacientes derivados desde as urxencias extra hospitalarias ou doutros hospitais.

“Os estudos médicos teñen demostrado que as unidades de ictus reducen as cifras de mortalidade, melloran o proceso de recuperación e diminúen a dependencia dos e das pacientes. É, ademais, unha medida custo-efectiva, xa que diminúe o tempo de estancia media dos e das pacientes”, argumentou a Deputada provincial e voceira do grupo socialista, Pilar García Porto.

García Porto argumentou que na provincia de Lugo sofren anualmente un ictus unhas 800 persoas, dos máis de 100.000 casos rexistrados en España, e que o ictus é a primeira causa de morte nas mulleres e a primeira de incapacidade nos adultos. Aínda que os expertos estiman que a súa mortalidade irase reducindo, a súa incidencia aumentará nun 27% nos próximos 25 anos.

Os socialistas denunciaron que Lugo e Ourense son as dúas provincias que carecen deste tipo de servizo nos seus principais centros hospitalarios. No caso de Lugo, o HULA non dispón sequera dun nurólogo de garda as 24 horas. Por iso a Deputación instará á Xunta de Galicia a dotar ao HULA dun servizo de garda de Neuroloxía de 24 horas, poñer os medios necesarios para a creación no LucusAugusti dunha unidade de ictus e tomar as medidas oportunas para desenvolver por completo o programa Código Ictus, que busca a atención temperá no conxunto do territorio galego.


Praga de roedores
O Pleno da Corporación provincial tamén aprobou na sesión deste martes a moción do PSdeG-PSOE, cos votos en contra do PP e a favor do BNG, para reclamar medidas urxentes contra a praga de roedores que sofre o agro lucense. Desde a pasada primavera, gandeiros e agricultores veñen alertando do incremento da presenza da coñecida como rata-toupa nas zonas altas dos concellos de Triacastela, Pedrafita, Samos, Cervantes, O Courel e As Nogais. É un animal dunha alta capacidade reprodutiva, que morde a raíz das plantas e saca a terra á superficie, reducindo a produtividade das explotacións afectadas e a calidade da forraxe.

O Deputado de Medio Ambiente, JoséLuis Raposo, advertiu de que esta praga afecta xa a unha extensión de 3.000 hectáreas e a unhas 300 explotacións lucenses, segundo as estimacións dos sindicatos agrarios, e que, de non tomarse medidas como ata o de agora, agravaranse os problemas e perdas económicas que xa ocasiona.

Entre as medidas demandadas, a Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia un plan de loita que conte con achegas da universidade e centros de investigación, unha liña de investigación permanente para seguir a evolución da especie, habilitar axudas económicas para os afectados cun sistema de compensación por hectárea semellante ao adoptado xa noutras comunidades autónomas e tomar medidas para garantir que as explotacións afectadas pola praga non teñan impedimentos para computar para a PAC.