Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo
Medio ambiente

Foz conta cun novo refuxio de animais grazas ao investimento de 90.000€ da Deputación

refuxio
protectora
Foz
Foz conta cun novo refuxio de animais grazas ao investimento de 90.000€ da Deputación de Lugo
O Presidente participou na inauguración das instalacións, que se atopan no núcleo de Mañente, na parroquia de Vilaronte, e teñen capacidade para atender ata 40 animais

José Tomé tamén entregou este xoves en Burela os diplomas dos cursos de capacitación na profesión de redeiras que financiou a institución provincial e no que participaron 16 persoas desempregadas

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asistiu este xoves á inauguración do novo refuxio de animais de Foz, situado no núcleo de Mañente, na parroquia de Vilaronte. Un acto no que tamén participou o alcalde focense, Francisco Cajoto, o Deputado de Medio Ambiente, José Luís Raposo, a vicepresidenta da Protectora de Animais do municipio, Laura Fernández Lestegás, e diferentes membros do Goberno local. Na súa intervención, Tomé Roca destacou que nestas instalacións se investiron 90.000€ co obxectivo de que “sexan útiles e proveitosas para desenvolver este labor de coidado dos animais que se fan dun xeito totalmente altruísta”. 

O novo refuxio “é un servizo moi demandado e moi necesario para esta asociación protectora de animais de Foz porque somos coñecedores de que as instalacións nas que se viñan prestando estes labores eran insuficientes”, sinalou o Presidente. Ademais, explicou que dará cobizo tanto a cans coma gatos e estará “xestionado polo Concello xunto coa Asociación Asistencial Protectora de Foz e tamén o poderán empregar outros municipios da contorna se o deciden”. 

Tomé Roca tamén puxo de manifesto a importancia de que a Deputación lle dea respaldo aos concellos habilitando espazos nos que os concellos poidan levar os animais abandonados e prestarlles os coidados que requiren, pois “a Xunta de Galicia transferiulle aos municipios as competencias de recollida e xestión de animais, pero sen proporcionarlles ningún recurso económico para poder asumir este servizo”, subliñou.

A edificación atópase nunha parcela municipal de máis de 13.000 m2, lugar no que agora mesmo tamén está o punto limpo. O refuxio sitúase na parte sur do terreo, estendéndose uns 2.500 metros cadrados, onde a propia canceira terá unha ocupación en planta de 285 metros cadrados. Trátase dunha nave con estrutura metálica cuberta e inclinada a dúas augas, con zonas cubertas nas dúas direccións e terá capacidade para 40 animais, cumprindo así as normativas existentes sobre benestar animal. As novas instalacións dispoñen de zona de espera, oficina, aseo con ducha e zona de baño de animais, sala de curas e sala para pequenas intervencións. A nave conta cunha zona exterior para os animais, onde se atopa tamén un almacén de alimentos. 

Diplomas de capacitación a redeiras
O Presidente tamén entregou este xoves en Burela os diplomas de catro cursos de capacitación para formar a 16 persoas desempregadas na profesión de redeiras. Nestas accións formativas, onde a institución provincial investiu preto de 40.000€, os participantes aprenderon as diferentes formas de traballar as redes segundo o arte de pesca empregado. 

Tomé Roca valorou positivamente esta formación porque “o colectivo artesanal de redeiras na zona da Mariña vive un momento crucial loitando pola subsistencia do sector, pois non existe relevo xeracional e a pesca segue a ser un dos motores máis importantes da nosa provincia”. O Presidente fixo fincapé en que nesta comarca lucense xera entre 5.000 e 6.000 empregos e que demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo. 

O alumnado beneficiouse de catro accións formativas de Confección e Mantemento en: artes de enmalle (115 horas), aparellos de pesca (30 horas), artes de arraste (130 horas) e artes de cerco (55 horas). Unhas accións que habilitan aos participantes para presentarse ao exame de cara a optar á cualificación profesional que os acreditará como redeira, esencial para poder exercer esta ocupación.

A estes cursos engadíronse tres xornadas divulgativas que se celebraron en Burela, Viveiro e Ribadeo, estruturadas en catro módulos temáticos e oito bloques cos seguintes temas: Prevención de riscos laborais; A Relación do sector coa administración; O Asociacionismo no sector; Réxime Xurídico, organizativo e electoral das confrarías de pescadores; Factores Ambientais: impacto sobre a explotación marisqueira; Marisqueo e pesca artesanal: sustentabilidade, trazabilidade e responsabilidade; Explotación de novos recursos; e un debate sobre a problemática no sector.