Cooperación concellos
Deputación de Lugo

O Presidente destaca o papel da Deputación como administración próxima ás persoas no Encontro de Cooperación cos Concellos

José Tomé Roca
Cooperación cos Concellos
Xornada Cooperación cos Concellos
No foro, celebrado no Pazo de San Marcos, participou un cento de empregados públicos e máis de cincuenta representantes dos concellos da provincia

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, inaugurou este martes o VIII Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos que acolleu o Pazo de San Marcos, unha xornada que este ano levou por nome A reforma do réxime local en Galicia. A planta local, e que pretendía expoñer diferentes perspectivas sobre a organización das entidades locais.

Tomé Roca explicou que o papel das Deputacións foi mudando e que se foi adecuando ás necesidades da sociedade. “Somos unha administración próxima ás persoas, centrada en acadar o acceso aos servizos en condicións de igualdade para todos e todas, vivan onde vivan, sexa cal sexa o tamaño do seu concello e, no caso da Deputación de Lugo, independentemente de quen goberne”, explicou. “Estas xornadas serven para seguir mellorando e son unha ocasión idónea para avanzar e mellorar as liñas de cooperación cos concellos”, asegurou Tomé Roca. 

No foro, que se desenvolveu ao longo de toda a mañá, participou un cento de empregados públicos e máis de cincuenta representantesdos concellos da provincia, que intercambiaron opinións sobre o tema central do encontro.  

A xornada acolleu tres relatorios. Despois da apertura oficial, a primeira levou por nome Os Gobernos locais intermedios: presente e futuro das Deputacións Provinciais. Dereito Comparado, que impartiu Serafín Pazos Vidal, responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais. A segunda versou sobre A planta municipal: o problema do pequeno concello. Fusión/supresión e outras alternativas. Análise das experiencias europeas, que correu a cargo de Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Zaragoza. E a terceira e última, levou por título O Concello como institución dinamizadora da localidade. O rol das cabeceiras de comarca, a cargo de Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.