Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación apoia o ciclo Luis Asorey dentro do seu compromiso co desenvolvemento sostible

José Luís Raposo Magdalena
Bioeconomía
Desenvolvemento Sostible
Inauguración-Ciclo-Conferencias-Luis-Asorey.IMG01
O Deputado de Medio Ambiente participou na inauguración do foro de divulgación científica, centrado nesta edición na bioeconomía e a economía circular

As xornadas, de acceso libre e gratuíto, celebraranse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos ata o día 27

O Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo Magdalena, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, José Manuel Lema, e a vicerreitora de Coordinación do Campus Terra, participaron este luns no Salón de Actos do Pazo de San Marcos na inauguración do ciclo de conferencias Luis Asorey, centrado nesta edición na Bioeconomía e Economía Circular. 

Raposo Magdalena puxo en valor a colaboración económica do organismo provincial para que poida celebrarse en Lugo un ano máis este congreso, dentro do seu compromiso coa investigación e a divulgación científica, sobre todo no ámbito da sostibilidade.

Este compromiso, apuntou, atópase nesta ocasión especialmente presente nestas xornadas polos contidos que nelas se abordarán, dado que a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade, ten en marcha dous proxectos financiados con fondos europeos -un deles como socio colaborador do Concello de Lugo-, estreitamente vinculados coa bioeconomía e a economía circular.

Trátase do plan Life Lugo+Biodinámico, que introduce un novo modelo produtivo baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción de edificios, e o proxecto de aproveitamento sostible dos montes da Serra do Xistral. Nos dous casos, o obxectivo, explicou José Luis Raposo, pasa por “impulsar o desenvolvemento urbanístico e territorial sostible, e abrir novas oportunidades económicas e de emprego, aproveitando os nosos recursos propios, a gran riqueza natural que temos na provincia”. 

O ciclo Luis Asorey desenvolverase ata o día 27 de novembro no salón de actos da Deputación. As sesións divulgativas son de acceso libre e gratuíto ata completar o aforo.