Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación investirá preto de 800.000 € na mellora de estradas provinciais de Xove, A Fonsagrada e A Pontenova

estradas provinciais
A Pontenova
a fonsagrada
Xove
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo por importe de 123.000 euros co obxectivo de sufragar os gastos derivados da actuación CEL Estudo e Difusión deste ano


A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación dun conxunto de obras enmarcadas no Plan Especial de Rehabilitación de Firmes (PERF) cun investimento de case 800.000 euros para os concellos de Xove, A Fonsagrada e A Pontenova.  A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, deu conta do bo ritmo que leva o PERF porque “a día de hoxe xa foi executado ou está en período de execución case o 90 % dos proxectos”.
 
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, García Porto explicou que no caso de Xove se vai acondicionar a estrada LU-P- 2601, “que conecta o núcleo da localidade co Portiño de Morás, son case 3 quilómetros de melloras, dende o punto quilométrico 0,4 ata o 2,85”. Para estas obras a Deputación inviste 271.645 € e as actuacións consisten na ampliación do ancho da plataforma, que permitirá ter dous carrís de 2,75 metros cada un. Tamén se vai drenar e afirmar as zonas ensanchadas e posteriormente pavimentarase a calzada con aglomerado en quente.  

En canto ás actuacións no do concello da Pontenova “adxudicáronse un conxunto de actuacións por algo máis de 310.000 € e serán unhas melloras que consistirán na pavimentación con aglomerado en quente e nova sinalización horizontal”, afirmou García Porto. Trátase da estrada LU-P-4802 que conecta Santalla-Navallo con Ponte Soutelo, entre os quilómetros 8 e11; tamén se vai actuar na LU-P-4806, a vía que vai dende Vilaxe ata Ribeira de Piquín nun treito de máis de 2 quilómetros; e na LU-P-4809, estrada que conecta a parroquia de Conforto con Souto de Mogos, nun treito de máis de 1 quilómetro.

Pola súa banda, no concello da Fonsagrada o investimento nas obras é de 198.199 € para acondicionar a estrada LU-P-1911, unha vía que une Mesón Novo con O Ventorrillo e Chao de Vaga. “As actuacións faranse entre os puntos quilométricos 7,5 e 9,5. E logo, tamén entre o punto quilométrico 11,5 e 14,3”, mencionou.

Polo demais, a Xunta de Goberno deulle o visto e prace a un convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo por importe de 123.000 euros co obxectivo de sufragar os gastos da actuación CEL Estudo e Difusión deste ano.