Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación reafirma o seu compromiso co sector lácteo colaborando coas XVII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite

José Tomé Roca
Xornadas Técnicas de Vacún de Leite
Inauguración das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite.IMG01
O Presidente subliñou que o impulso do sector primario é unha das liñas fundamentais de actuación dos Orzamentos para o 2020 que está preparando o Goberno provincial

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Reppeto Morbán, a presidenta de SERAGRO, Noelia García Santoalla, e o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina Perna, inauguraron este xoves no Auditorio da Facultade de Veterinaria as XVII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que rematarán mañá. A Deputación colabora con esta cita, que reúne a preto de 800 participantes, cunha achega económica de 15.000 euros. 

Tomé Roca destacou que o organismo provincial colabora con este foro “porque contribúe a afrontar os retos e problemáticas comúns dos gandeiros e gandeiras. O coñecemento e experiencias que se expoñen mellora a competitividade das explotacións, o benestar dos animais e a calidade do produto. Polo tanto, axudan a avanzar cara un sector dinámico e sostible”.

O Presidente subliñou o compromiso da Deputación co sector primario, que, tal e como lembrou, é unha das principais liñas de actuación dos Orzamentos para o 2020 nos que está a traballar o Goberno provincial. Deste xeito, a institución potenciará o Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, que ten a día de hoxe 1.200 becerras de 50 explotacións da provincia, e continuará coas obras de construción da Granxa Experimental de Leite, un centro de investigación impulsado en colaboración co Campus Terra con 3,5M€ de investimento que poderá entrar en funcionamento a principios do ano que vén.