Deputación de Lugo

O Presidente propón no Parlamento que a Xunta integre as residencias provinciais na rede galega de centros de maiores

Orzamentos
José Tomé Roca
Deputación de Lugo
José Tomé lanzou esta proposta durante a súa comparecencia na Cámara autonómica, na que avanzou que a Deputación de Lugo terá o ano 2020 un Orzamento de máis de 92M€ coas políticas sociais como prioridade

A cooperación cos concellos, con 20M€ para o Plan Único, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores produtivos, nomeadamente o primario e o turismo, son tamén liñas de actuación fundamentais dos presupostos, que estarán en vigor en xaneiro

Tomé destacou que o seu obxectivo prioritario de recuperar a normalidade institucional é xa unha realidade, así como a tónica de diálogo e consenso: O 62% dos acordos plenarios adoptados no que vai de mandato foron por unanimidade

O mandatario provincial pediu á Xunta “que elimine a súa política discrecional no reparto dos fondos públicos” e “siga os pasos dos Gobernos provinciais de progreso establecendo unha distribución transparente con criterios obxectivos”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, propuxo á Xunta durante a súa comparecencia deste xoves no Parlamento de Galicia a integración das residencias públicas da institución provincial dentro da rede autonómica de centros de atención a persoas maiores. “Estamos en disposición de negociar esta proposta co Goberno galego. Espero que o Presidente da Xunta sexa tan sensible cara ela, como o é coas propostas que lle ofreceu a Fundación Amancio Ortega, ao que, sen ningunha dúbida, hai que agradecer a súa xenerosidade”, subliñou Tomé.

José Tomé lembrou durante súa intervención na Cámara galega que o Estatuto de Autonomía atribúe á Xunta as competencias en asistencia social e a propia Lei de Servizos Sociais obriga á comunidade autónoma a asinar convenios de colaboración coas entidades locais para a creación, xestión e mantemento dos servizos sociais. 

O Presidente ratificou unha vez máis que a Deputación seguirá adiante con todos os compromisos adquiridos de construción e posta en marcha de residencias, pero, ao mesmo tempo, recalcou, “dende a lealdade e a través do diálogo, seremos moi esixentes coa Xunta de Galicia, que ten que asumir a súa responsabilidade en materia de servizos sociais”.

Segundo explicou o mandatario provincial na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, precisamente as políticas sociais son unha das prioridades dos presupostos da Deputación para o 2020, que, con máis de 92M€ -3 más que neste 2019-, tamén teñen como liñas de actuación fundamentais a cooperación cos concellos -con 20M€ para o Plan Único-, a mellora da rede viaria e o impulso dos sectores productivos, nomeadamente o primario e o turismo. Tomé avanzou que os Orzamentos serán debatidos no Pleno de novembro co fin de que entren en vigor en xaneiro de 2020.

O Presidente destacou que o obxectivo prioritario e transversal que marcou na súa toma de posesión, hai pouco máis de tres meses, como é recuperar a tranquilidade e normalidade institucional é xa unha realidade, así como a tónica de diálogo e consenso, tal e como demostra que o 62% dos acordos plenarios adoptados no que vai de mandato foron por unanimidade. Así, co consenso de todos os grupos políticos da Corporación, acordáronse medidas de gran calado, como foi a disolución da Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), na que ademais as tres forzas políticas formarán parte, en igualdade de condicións, de todo o procedemento administrativo que desembocará na disolución da entidade mercantil. 

 

Cohesión social, equilibrio territorial e creación de emprego
O presuposto que o mandatario provincial presentou na Cámara galega aplica “políticas progresistas para favorecer a cohesión social, o equilibrio territorial e o impulso da economía e a creación de emprego”. Deste xeito, asegurou, “contribuímos a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia e a fixar poboación, axudando a combater coas ferramentas que temos o grave reto demográfico que temos ante nós e que nos deixa cifras tan sobrecolledoras como a perda de 36.500 habitantes na provincia na última década, máis de 8.000 nos últimos catro anos”. 

 

Rede de Protección Social
O Presidente puxo en valor que a Deputación de Lugo é hoxe “unha das poucas Deputacións de toda España cunha ampla Rede de Protección Social, na que son un piar básico as Residencias e Centros de Día públicos para a terceira idade, “un proxecto que impulsamos os socialistas dende a Deputación ante a falta de iniciativas da Xunta, aínda cando se trata dunha prestación moi necesaria e demandada”, indicou José Tomé.

Os Orzamentos de 2020 contemplarán “os recursos económicos necesarios para manter as tres residencias que están hoxe en funcionamento –as de Pol, Trabada e Ribadeo- e para seguir cumprindo cos compromisos recollidos nos convenios e protocolos asinados cos diferentes concellos”, explicou o Presidente. 

A Deputación ofrece tamén Teleasistencia Domiciliaria, un servizo no que vén de ampliar nun 13% o número de prazas ofertadas, ata chegar a preto das 2.000. A través do Plan Único de Cooperación, a Deputación achegará ademais 1,3M€ no ano 2020 para o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar dos Concellos, que a día de hoxe atende a unhas 3.000 persoas non dependentes de toda a provincia.

Os servizos de residencias, teleasistencia domiciliaria e Axuda no Fogar constitúen unha importante fonte de emprego que a día de hoxe dá traballo a 300 persoas na provincia.

 

4M€ para emprego
A estas iniciativas xeradoras de emprego que sustenta a Deputación súmanse o investimento directo en plans de emprego, que no 2020 aproximarase aos 4M€, entre as achegas aos Concellos para a contratación a través do Plan Único e, entre outros, o programa Tecendo Emprego.
A Deputación reforzará a cooperación cos Concellos a través de dous instrumentos básicos. Por un lado, a asistencia técnica, xurídica, económico financeira, técnica, en contratación, en recursos humanos, en xestión administrativa, en xestión tributaria e recadatoria que presta ás administracións locais de maneira directa, un servizo que se verá notablemente mellorado co seu traslado ás instalacións do Fogar de Santa María o vindeiro ano, cando finalizarán as obras de rehabilitación das dependencias, onde pasarán a funcionar tamén Recadación, Asesoría Xurídica e Medio Ambiente.


20M€ para o Plan Único
Xunto á asistencia técnica, o outro gran instrumento da Deputación para a Cooperación cos Concellos é o Plan Único, que se manterá no vindeiro 2020 cunha dotación económica de 20M€, segundo anunciou o Presidente. O Plan Único, asegurou, establece “un reparto transparente, equitativo e xusto dos fondos públicos da Deputación con criterios obxectivos entre os 67 Concellos da provincia” para a dotación e mellora de servizos e infraestruturas públicos.
“Creo que é o momento de que a Xunta siga os pasos das Deputacións lideradas por Gobernos de progreso e estableza tamén unha distribución dos seus recursos económicos entre os concellos en función de criterios públicos e obxectivos, eliminando a política discrecional no reparto dos fondos públicos”, subliñou o Presidente.


Mellora da mobilidade
Os Orzamentos de 2020 “está orientados a favorecer o equilibrio social e territorial para mellorar a calidade de vida da cidadanía e fixar poboación, un obxectivo no que resulta esencial a mellora da mobilidade, que consideramos un dereito máis da cidadanía”, argumentou José Tomé. Por iso os presupostos prestarán especial atención á mellora da rede viaria provincial, a máis extensa de España e tres veces maior que a da Xunta de Galicia en Lugo. No que vai de mandato, o Presidente xa demostrou que esta é unha prioridade, adxudicando o contrato de conservación de estradas, que suporá un investimento de 6,4M€ ata o 2021.


Granxa Gayoso e Finca de Tor
O Goberno provincial impulsará cos Orzamentos do 2020 os sectores produtivos da provincia, nomeadamente o primario e o turístico. Exemplo da importancia que lle outorga José Tomé á actividade agrogandeira é a creación neste mandato dunha área de Goberno especificamente dedicada á xestión e impulso de recursos propios da Deputación, como son a Granxa Gayoso Castro e a Finca de Tor, “que queremos converter nun elemento motor para o sector primario da provincia”. 

No vindeiro ano, explicou, “seguiremos potenciando o Centro de Recría de gando vacún de leite, o primeiro de carácter público que se abriu en España, no que a día de hoxe xa son máis de 1.100 novillas de 50 explotacións da provincia as que se están a recriar, e seguiremos adiante coas obras de construción da Granxa Experimental de Leite, un proxecto con 3,5M€ de investimento que impulsamos en colaboración co Campus Terra, coa perspectiva de que poida arrancar a súa actividade a principios do 2020”. 

A Deputación manterá a liña de axudas aos produtores para a recuperación de terras abandonadas co fin de que poidan aumentar a base territorial das súas explotacións e desta forma mellorar a súa rendibilidade. 

 

Innovación tecnolóxica no turismo
En canto ao sector turístico, a Deputación seguirá impulsando no 2020 actuacións ao abeiro do Plan Estratéxico de Turismo e, despois do traballo destes últimos anos nos que posiciou a provincia como destino turístico a través dunha oferta diferenciada, agora dará un paso máis promovendo innovacións tecnolóxicas para mellorar a difusión e acceso a esa oferta.

José Tomé subliñou que a Deputación, da que partiu no ano 2011 o movemento institucional e social en apoio da candidatura da Ribeira Sacra a Ben Mundial, ao que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense ou a Xunta de Galicia, continuará traballando coas mesmas forzas que ata o de agora para culminar esa aspiración, “e que este paraíso no interior de Galicia sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.

Tendo en conta que a provincia de Lugo conta con máis de 800 quilómetros de itinerarios xacobeos que discorren por 30 dos 67 Concellos, “dende a Deputación de Lugo traballaremos para que a provincia teña un papel central de cara ao Xacobeo 2021 e poida aproveitar todo o enorme potencial que representa o turismo vinculado ao Camiño”, explicou o Presidente.