Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

129 pilotos participarán no Rally San Froilán, que se presentou esta mañá na praza de San Marcos

Rally San Froilán
EFRÉN CASTRO
ÁREA DE DEPORTES
O deputado de Deportes, Efrén Castro, remarcou a tradición e gran seguimento que ten a proba, que nas últimas edicións congregou uns 40.000 espectadores

A área de Deportes achega 30.000 euros á organización da carreira, que discorrrerá polos concellos de Outeiro de Rei, Friol, Meira e Pol

O deputado de Deportes, Efrén Castro, presentou este xoves o XLI Rally San Froilán, que se disputará venres e sábado nas estradas da provincia.  Como aperitivo á carreira, a Praza de San Marcos acolleu os vehículos de competición de cinco dos pilotos lucenses que competirán na proba, das máis lonxevas e emblemáticas do calendario galego.

A carreira, organizada pola Escudería Miño Lugo, reunirá nesta edición 129 pilotos que loitarán contra o crono nos catro treitos establecidos para a competición nos concellos de Outeiro de Rei, Friol, Meira e Pol.

O deputado subliñou que o “Rally San Froilán é un evento histórico que todos os afeccionados ao motor teñen marcado no seu calendario”. “Lembro seguir os entrenos no mítico tramo de Goián, en Sarria, desde a nenez. Son recordos que creo que compartimos moitos de nos e que reflicten a expectación que levanta a carreira e a gran afección que existe na provincia a este deporte”.  

A área de Deportes achega 30.000 euros á organización da proba que nos últimos anos congregou uns 40.000 espectadores. Ademais de afeccionados e afeccionadas galegas, o Rally atrae á provincia siareiros do norte de Portugal, Asturias, Cantabria e Castilla y León.

A vicepresidenta da escudería Miño Lugo, Mayte Vilanova, explicou que “un dispositivo dunhas 450 persoas, a maioría lucenses pero tamén persoas doutras provincias, traballarán desde o venres na organización do rally” e fixo un chamamento “para que os afeccionados e afeccionados seguisens as indicacións de organizadores e corpos de seguridade durante o desenvolvemento das probas”.

En relación coa competición, a penúltima do Campionato Galego de Rally, Vilanova  explicou que “aínda que o título galego está decidido, queda en liza o campionato de equipos, nos que os equipos lucenses teñen opcións, e as Copas de promoción”.  

Ao acto de presentación, asistiron tamén o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, o concelleiro de Deportes de Lugo, Miguel Fernández, a subdelegada do goberno do Estado en Lugo, Isabel Rodríguez, e Miguel Otero Méndez, da delegación da Xunta en Lugo.

Programa

O Rally San Froilán comezará mañá venres coas verificacións técnicas e administrativas desde as 9:00 horas ata as 15:30 horas no polígono das Gándaras e coa ceremonia de presentación dos trinta equipos que compiten na proba na Praza Maior de Lugo ás 20:00 horas.  

A competición desenvolverase ao longo da xornada do sábado con dous tramos en horario de mañá, en Outeiro de Rei e Friol, e dous en horario de tarde, en Pol e Meira.

O parque de asistencia estará situado no polígono de Outeiro de Rei onde se poderá seguir o traballo técnico dos equipos ao longo da xornada.

Volante Deputación

O deputado de Deportes, Efrén Castro, subliñou que entre os 129 participantes no rally estará Pablo Guerra, gañador do Volante Deputación, un programa formativo co que a área de Deportes facilita que pilotos noveis teñan a oportunidade de acceder á competición automobilística.