Deputación de Lugo

A Deputación entra na Executiva do Fondo Galego de Cooperación

María Loureiro García
Asamblea Fondo Galego de Cooperación

A Deputación de Lugo formará parte da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade tras a renovación deste órgano para o período 2019-2023 que se produciu durante unha asemblea xeral celebrada este xoves na Cidade da Cultura de Santiago coa presenza de representantes duns 40 concellos galegos. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, integrará a Executiva desta entidade que, recoñecida como axencia municipal de cooperación galega, está formada por 97 municipios e polas catro deputacións galegas. Dende a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

O Concello de Nigrán preside de novo esta organización na persoa do Alcalde, Juan González, mentres que a Vicepresidencia é para a concelleira de San Sadurniño Ana Breixo e a Tesourería para o concelleiro de Cartelle Daniel Fernández Carril. As vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Ames, Moraña e Deputación de Lugo, concretamente nas figuras das edís Marga Figueroa, Milagros Castro, Luísa Feijóo, a Alcaldesa Luisa Piñeiro e a Deputada María Loureiro, respectivamente. A Secretaría continuará exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), impulsor da iniciativa nos anos 90.