Deputación de Lugo
Medio ambiente

O Deputado de Recursos Sostibles entrega os diplomas aos gandeiros de Expolugo A Rural 2019

expolugo
Roberto Fernández Rico
medio rural
Imaxe deputación de lugo
40 expositores e 200 cabezas de gando participan nesta mostra agrogandeira que se celebra esta fin de semana no Pazo de Feiras de Lugo coa colaboración da Deputación

A feira conta con gran variedade de mostras das principais razas autóctonas galegas, produtos agroalimentarios, maquinaria agrícola e artesanía e tamén cunha zona comercial con empresas que prestan servizos e innovacións ao sector gandeiro

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, xunto á Deputada de Medio Rural e do Mar e Mocidade, Mónica Freire Rancaño, participaron este sábado na entrega de diplomas do XI Concurso de Xuíces Gandeiros e na entrega de premios do Concurso de Gando de Raza Rubia Galega de ACRUGA que tivo lugar no marco da mostra gandeira ExpoLugo, A Rural 2019. Esta feira especializada no eido gandeiro e agroalimentario coa que colabora a Deputación para contribuír a visibilizar o sector primario de Lugo é un dos salóns máis relevantes do sector gandeiro do noroeste peninsular. Celébrase hoxe e mañá domingo no Pazo de Feiras de Congresos de Lugo no marco das Festas de San Froilán. A entrada é gratuíta e na edición anterior superou os 15.200 visitantes.

Este ano participan máis de 40 expositores e unhas 200 cabezas de gando, o 90% principalmente da provincia.  Entre as empresas relacionadas co sector primario están presentes as de maquinaria agrícola. A feira supón unha oportunidade para potenciar os negocios, a innovación e a competividade no sector primario da provincia, xa que conta coa presenza de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro que presentan as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario. 

                                               Mostra gandeira, agroalimentaria e artesanal
Expolugo a Rural conta cunha mostra gandeira, na que participan as principais razas autóctonas galegas xunto a outras de ámbito nacional coa exhibición de animais vivos da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (ASOPORCEL), OVICA e ASOVEGA, AVIMÓS, VOAGA, ACRUGA, a Asociación de Cabalo de Pura Raza Galega e Can de Palleiro. Tamén inclúe unha mostra agroalimentaria de razas autóctonas na que os produtores exhiben e venden os seus produtos e outra mostra de artesanía con demostracións e venda de produtos. Compleméntase cunha mostra de maquinaria agrícola e unha zona comercial con empresas relacionadas co sector rural e innovacións e servizos para o sector gandeiro e agrario. As presentacións e degustacións de produtos, charlas técnicas e exposicións complementan a oferta de  actividades.

                                                      Programa domingo 6 de outubro
Expolugo conta cunha ampla programación que continuará mañá domingo. Entre as 12:00 e as 14:00 horas celebrarase o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Pura Raza Galega. 

Como novidade este ano, entre as 13:30 e as 16:00 horas, Expolugo contará cunha degustación gastronómica de produtos de razas autóctonas de Galicia a cargo de 100% Feito en Galicia, elaborado polo prestixioso cociñeiro Oliver Fernández Batista, do Barco de Valdeorras. O prezo será de 3€ e inclúe unha tapa a escoller con cabra galega, cachena, galiña de mos ou porco celta máis bebida. 

Expolugo tamén contempla actividades para os máis pequenos, como un paseo en cabalos de pura raza galega, que terá lugar entre as 17:00 e as 19:00. A feira rematará ás 19:00 coa entrega do premio do III Concurso Monográfico Provincial de Raza de Porco Celta.