Cultura
Deputación de Lugo

Artesanfroilán abre mañá as súas portas, con 21 postos de artesanía

CENTRAD
ARTESANFROILÁN
artesanía
A mostra, organizada polo Centrad, conta cunha nova montaxe que “mellora o tránsito e a visibilidade tanto dos artesáns como dos comercios” da praza Anxo Fernández Gómez

A feira, que nos últimos anos xerou un volume de negocio de 90.000 euros, permanecerá aberta ata o vindeiro 13 de outubro

O deputado de Deportes, Deseño e Artesanía e Memoria Histórica, Efrén Castro, presentou esta mañá a feria de artesanía Artesanfroilán, que abrirá as súas portas mañá na praza Anxo Fernández Gómez.

 

21 artesáns e artesás participarán na mostra organizada polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) desde hai 23 anos, coincidindo coas festas patronais na cidade de Lugo.

 

Efrén Castro repasou a traxectoria da mostra, “unha cita imprescindible tanto para o público que visita a cidade por estas datas como para os propios artesáns, que a consideran un escaparate e unha plataforma para súa promoción económica”.

 

"Estímase que cada edición, a pesar da crise dos últimos anos, a feira xera un volume de negocio duns 90.000 €, que supoñerían un beneficio global para os artesáns duns 75.000€. por cada edición”, expuxo o deputado sarriao.

 

Artesáns do coiro, cerámica, vidro, téxtil, forxa, madeira, cestería, xoiería, bixutería, e decoración en todas as súas manifestacións pasaron por esta feira nos seus diferentes formatos e localizacións. Desde a antiga Praza do Seminario onde tivo lugar a primeira edición, pasando pola Praza da Soidade onde se celebrou o décimo aniversario, ata a Praza Anxo Fernández Gómez, que a acolle de xeito ininterrompido desde 2007.

 

A distribución dos expositores na praza é unha das novidades coas que chega esta edición, na que se buscou unha maior integración da feira no espazo urbanístico. “Afortunadamente esta praza sufriu un cambio positivo nos últimos anos. Novos comercios iluminan e dan vida a este espazo que hoxe compartimos, e por iso nesta XXIII edición de Artesanfroilán, demos un xiro ao deseño da montaxe da feira que amplía e mellora o tránsito e a visibilidade tanto dos artesáns como dos comerciantes locais”, explicou Efrén Castro.

 

21 postos de artesanía

 

A feira será un escaparate de 21 artesáns no que se poderán ver artigos de mesa como as vaixelas de Mi madre no me deja, as táboas e cuncos de madeira de oliveira de Armaior, ou os coitelos de Celso Ferreiro de Fonsagrada.

 

Deseños exclusivos de xoiería e reproducións arqueolóxicas en prata como as presentadas por Plata Nativa e A Feitura; ou a bixutería de cobre esmaltado de La Aguada Artesanías, ou de delicadas técnicas mixtas de Imavi.

 

Tamén marroquinería: carteiras, pulseiras e mochilas de Rappa Taller e Chorima, axendas, boinas, moedeiros e bolsos de Tres Caracoles, Fontemeimil e Senda Coiro, ou as fundas de lentes, cintos e portadocumentos, de Vidal Revilla.

 

As persoas que se acheguen a mostra tamén poderán ver e mercar moda pintada a man por Rami de Patapúm, complementos de Mis Marinillas, chales e mantillas tradicionais tecidas con “horquilla” de Cuaderna Maestra.

 

Artigos de coleccionismo e decoración como a cerámica de Barro en Vivo e as caixas de vidro de Tejeluz formarán tamén parte da mostra.

 

Lucecús e O Sapo Chosco porán a nota de cor nos seus personaxes de amigurumi e miniaturas fantásticas de resina moldeable. E Paparolo poñerá a nota musical coas súas ocarinas e asubíos.

 

Ao longo das vintetrés edicións da feira, participaron nela arredor de 500 artesáns, maioritariamente lucenses.

 

Ata o 13 de outubro

 

A feira abrirá as súas portas mañá xoves ás 17 h. e poderá visitarse ata o 13 de outubro en horario de 11 a 14 h. e de 17 a 21 h.