O Presidente e a Alcaldesa de Lugo renovan o compromiso de colaboración para seguir traballando pola cidade
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, mantivo este martes en San Marcos unha reunión coa Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, no que ambos mandatarios renovaron o compromiso de colaboración entre as dúas administracións para traballar polo concello lucense.
No encontro, José Tomé e Lara Méndez afondaron na situación dos proxectos que Deputación e Concello teñen en marcha conxuntamente, que suman un investimento superior aos 3M€, entre eles, a creación dun carril bici no paseo do Rato, o desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena, o Plan Único ou o programa Life Lugo+Biodinámico, a través do que ambas institucións, xunto coa Universidade, impulsan a implantación dun novo modelo productivo baseado na economía verde.
“Hoxe intercambiamos opinións sobre diferentes cuestións que nos atinxen ás dúas administracións; falamos dos proxectos que estamos desenvolvendo de maneira conxunta e tamén abrimos as portas a novas posibilidades para levar a cabo nun futuro na cidade de Lugo”, explicou o Presidente ao remate da xuntanza.