Deputación de Lugo
Parque móbil

A Deputación activa un dispositivo de seguridade nas estradas provinciais ante a alerta por tormentas

José Tomé Roca
Vías e Obras
Imaxe deputación de lugo
Preto de 50 operarios, 20 máquinas pesadas e 8 vehículos de material lixeiro ocuparanse nas vindeiras horas de manter as vías en bo estado para garantir a circulación

Están despregados nas 8 zonas de conservación, incidindo no sur, centro e montaña de Lugo

Os medios estarán en alerta ata esta noite, momento no que queda desactivado o aviso por intensas chuvias, sarabia e treboadas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, responsable directo da área de Xestión Territorial, anunciou que esta mañá quedou activo un dispositivo especial na rede viaria provincial por mor dos avisos por meteoroloxía adversa para as vindeiras horas, tanto de intensas chuvias, sarabia e fortes tormentas na zonas sur, centro e montaña de Lugo.  

A Deputación traballará para manter as estradas e as vías en estado óptimo, dando resposta ás necesidades dos municipios. Para iso, están despregados todos os recursos necesarios, tanto materiais coma humanos, nas 8 zonas de conservación. 

O organismo provincial manterá activado o dispositivo ata esta noite, momento no que remiten os avisos por meteoroloxía adversa. Está composto por  48 operarios, 20 máquinas pesadas e 8 vehículos con material lixeiro, co obxectivo de resolver calquera tipo de problema existente nas estradas da provincia e garantir a seguridade na circulación.