Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación adxudica a conservación de estradas provinciais por 3,2M€ en 42 concellos

José Tomé Roca
estradas
Rolda de Prensa Xunta de Goberno
“A mellora das comunicacións é unha prioridade para este Goberno porque son necesarias para garantir a igualdade de oportunidades”, subliñou o Presidente da Deputación e responsable directo da área de Xestión Territorial

O prego inclúe novas cláusulas sociais que defenden os dereitos dos traballadores, favorecen o emprego feminino na obra pública, o emprego fixo e de calidade, á pequena empresa e á protección do medio ambiente

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este venres a adxudicación dos traballos de conservación da rede viaria da provincia correspondentes a 5 dos 8 lotes nos que está divido este servizo. Farase cun investimento próximo aos 3,2 millóns de euros para tres anualidades, de 2019 a 2021.
Tomé sinalou que “estes 5 lotes aglutinan a 42 concellos das comarcas da Terra Chá, Chantada, A Montaña e Zona Sur, o que supón case o 63% total dos municipios da provincia de Lugo”. 

Tomé lembrou que a Deputación licitou conxuntamente o ano pasado os 8 lotes nos que está dividido o contrato de conservación de estradas provinciais por un importe total de 6,4 millóns de euros para o período 2019-2021. “Na Xunta de Goberno de hoxe adxudicáronse 5, e os outros tres están en trámite coa previsión de que poidan adxudicarse neste mes”, sinalou. 

Ademais, resaltou a importancia deste contrato “que dá mostra de que para nós a mellora das comunicacións viarias é unha prioridade porque son necesarias para garantir a igualdade de oportunidades”, explicou o Presidente provincial, quen dirixe a área de Xestión Territorial. 

En canto ao prego que rexe a contratación deste servizo, inclúense novas cláusulas sociais que defenden os dereitos dos traballadores, favorecen o emprego feminino na obra pública, o emprego fixo e de calidade, á pequena empresa e á protección do medio ambiente.  

Os lotes da conservación de estradas adxudicados hoxe e os importes son os seguintes: 
LOTE 3._ Cospeito, Outeiro de Rei, O Corgo, Baleira, Baralla, Rábade, Meira, Pol, Castro de Rei, Lugo, Castroverde e Láncara: 700.141,31€.
LOTE 4.- Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, O Páramo, Sarria, Paradela, Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín e Palas de Rei: 605.000€.
LOTE 6.- Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro: 83.104,40€.
LOTE 7.- O Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil: 587.701,84€.
LOTE 8.- Monforte de Lemos, Bóveda, A Pobra do Brollón, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo: 584.430€.