Deputación de Lugo

A Deputación apoia o Día do Veciño, que reunirá a máis de 4.000 persoas este domingo

Pilar García Porto
Día do Veciño
Día do Veciño
A voceira socialista do Goberno provincial, o Deputado de Promoción Económica e Social, a Alcaldesa de Lugo e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños lucense presentaron en San Marcos unha nova edición desta cita nun acto no que participaron medio cento de representantes de colectivos da provincia

A institución provincial é, con 18.000€, a principal entidade colaboradora con esta iniciativa, que terá lugar no Pazo de Feiras

No xantar poderanse degustar produtos típicos da provincia como pementos de Mougán, pan de Antas de Ulla ou viño da Ribeira Sacra, entre outros manxares con Indicación Xeográfica Protexida

A voceira socialista do Goberno da Deputación, Pilar García Porto; o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera; a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; e o presidente da Federación de Asociacións de Veciños lucense, Jesús Vázquez, presentaron este mércores en San Marcos a programación do Día do Veciño, que chega á súa 18 edición e que se celebrará este domingo, 15 de setembro. Neste acto, participaron medio cento de representantes de asociacións veciñais da provincia que integran a Federación. 

Na súa intervención, García Porto resaltou a importancia desta cita, que este ano concentrará a máis de 4.000 veciños,  asegurando que “é unha oportunidade formidable para estar todos xuntos, coñecéndose e tecendo lazos, facendo provincia e facéndose, en definitiva, veciños de verdade”. Engadiu que a Deputación mantén a súa colaboración con este evento e por iso nesta edición incrementa a axuda que destina ata os 18.000€, converténdose na principal administración colaboradora coa iniciativa. 


A tamén Deputada de Promoción do Territorio e Turismo fixo fincapé na labor que desempeñan as asociacións de veciños, os colectivos que están máis preto da xente, polo que coñecen de primeira man as súas demandas e loitan para conseguilas. “Facedes un traballo social inmenso. Sodes a punta de lanza de moitos movementos sociais”, apuntou.


Nese mesmo sentido, a Alcaldesa de Lugo subliñou os logros acadados polas asociacións veciñais “en materia de transporte, sanidade ou do mundo rural”. Tamén puxo o acento na relevancia dos premios V de Veciño, que se entregarán unha vez remate a comida. “Non hai maior recoñecemento que aquel que che fai quen mellor te coñece, como é este que promoven os veciños”, destacou Lara Méndez.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, aproveitou para destacar que, neste ano que o Día do Veciño “acada a maioría de idade, queremos dedicalo á defensa do mundo rural, logo de integrarnos no colectivo España Vaciada, para combater os importantes problemas demográficos da provincia”.

Programación 
Dende primeira hora da mañá, un grupo de 100 voluntarios comezará a preparar a xornada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo para ter listos todos os detalles do evento. Nesta ocasión, xa que a xornada estará dedicada ao mundo rural, os asistentes gravarán un vídeo bailando a Rianxeira para solidarizarse cos movementos Soria Ya e Teruel Existe, que reclaman melloras para as provincias descentralizadas do país. 

Coma todos os anos, ás 10:00 horas terá lugar un partido de fútbol con xornalistas no campo da Cheda. Ao remate, e xa na Pazo de Feiras, haberá unha exposición de preto de 50 artesáns da provincia, e diferentes grupos de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo recibirán aos asistentes. O inicio do xantar está previsto ás 13:30 horas. Os máis de 4.000 participantes terán no menú produtos lucenses como pementos de Mougán, pan de Antas de Ulla, viño da Ribeira Sacra ou augardente de Portomarín, promocionando deste xeito os produtos da provincia e con Indicación Xeográfica Protexida a través dunha colaboración da Xunta de Galicia. Durante o xantar, intercalaranse tamén actuacións de diferentes grupos musicais. 
 
V de Veciño
Unha das finalidades deste encontro é a entrega dos premios V de Veciños. Trátase duns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñecen a labor dun total de 26 persoas que destacan por desempeñar un especial protagonista a prol da dinamización e promoción da súa comarca, e polo tanto da provincia. Neste ano serán galardoados, entre outros, o Presidente da Deputación, José Tomé; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; ou a asociación veciñal de Cervantes.