Deputación de Lugo
Formación

O Presidente sitúa o Campus Terra como referencia europea e sinala as oportunidades da provincia para os novos estudantes

José Tomé Roca
USC
Campus Terra
educación
Xornada de benvida aos alumnos do Campus Terra
Na xornada de benvida ao alumnado, José Tomé subliñou que “levamos moitos anos presumindo de ter algunha das mellores facultades no eido rural de Europa” e destacou a aposta do Campus lucense por diferenciarse con graos especializados en ramos de vangarda como Robótica

O presidente sinalou a Educación como piar para seguir avanzando cara unha provincia “viva, dinámica e con futuro” e expuxo as opcións laborais que oferta Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este luns na xornada de benvida ao alumnado do Campus Terra, un acto que tivo lugar no vestíbulo do Auditorio da Facultade de Veterinaria e ao que asistiu o reitor da USC, Antonio López Díaz; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro; e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Tomé aproveitou o acto para situar o Campus Terra como referencia europea e sinalou as oportunidades que ofrece a provincia para os novos estudantes.

“Levamos moitos anos presumindo de ter algunha das mellores facultades no eido rural de Europa e, nos últimos tempos, este Campus buscou tamén a diferenciación impartindo graos especializados en ramos de vangarda, como Robótica”, apuntou José Tomé. O Presidente da Deputación puxo en valor a Educación como piar para seguir avanzando cara unha provincia “viva, dinámica e con futuro” e animou aos estudantes a coñecer e deixarse conquistar pola cidade e a provincia.

Así mesmo, Tomé destacou os principais proxectos que a Deputación ten en marcha, da man da Universidade, para a posta en valor do Campus Terra, como o Plan de Choque “co que poñemos en marcha diversas medidas que contribúen ao incremento do alumnado e a impulsar o Campus de Lugo como destino universitario”. Lembrou tamén iniciativas como o plan de Primeira Oportunidade, impulsado polo organismo provincial, que axuda aos mozos e mozas universitarios a atopar o seu primeiro emprego.