Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

O Presidente anuncia que a Deputación colaborará con Sober e Monforte no arranxo do acceso ao Miradoiro do Duque

José Tomé Roca
Ribeira Sacra
Monforte de Lemos
Sober
Arranxo da pista de acceso ao Miradoiro do Duque na Ribeira Sacra

Un equipo de rego do Parque Móbil provincial traballará dende principios da vindeira semana na rexeneración do firme da pista que conduce a este reclamo turístico, que foi renovado recentemente na súa totalidade polo Concello monfortino

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a entidade provincial colaborará cos concellos de Sober e Monforte para arranxar a pista de acceso ao Miradoiro do Duque, que foi renovado recentemente na súa totalidade polo Concello monfortino para potencialo como un dos grandes reclamos turísticos da Ribeira Sacra.

Segundo explicou José Tomé, responsable directo da área provincial de Xestión Territorial, as tarefas de rexeneración deste acceso serán realizadas cun equipo de rego do Parque Móbil da Deputación, que comezará a traballar a principios da vindeira semana.

As actuacións de mellora  empezarán no treito que enlaza a pista de acceso ao miradoiro coa estrada de Castro Caldelas, en territorio de Sober, por ser a zona que se atopa en peor estado debido ao paso de vehículos pesados.

Dende o cruce que vai cara A Lampaza e Os Palleiros ata o propio Miradoiro do Duque, en territorio de Monforte, soamente se levarán a cabo melloras nalgún pequeno bache e nos radios de xiro das curvas, dado que o resto do firme foi arranxado recentemente e atópase en bo estado. 

O Presidente da Deputación adquiriu o compromiso de arranxar este acceso do Miradoiro do Duque cos adegueiros e cos hostaleiros da zona durante as reunións que tiveron lugar para a organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte a primeiros de xullo. O Miradoiro é un dos lugares máis visitados da comarca porque son estes profesionais os que achegan ata alí aos grupos de visitas que xestionan.  

Deste xeito, o Presidente cumpre co compromiso adquirido co sector do viño de ir mellorando as infraestruturas que aportan calidade ás visitas dos turistas que se desprazan a Monforte e ao conxunto da comarca da Ribeira Sacra.