Son d’Aldea homenaxea aos maiores nun evento que traslada aos participantes aos anos 40 e 50
García Porto destacou que “poderemos vivir en primeira persoa como era a vida da aldea cando o rural era o motor da nosa economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores, homenaxeados nesta edición”
A Deputada de Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves no Parladoiro de Arqueixal de Palas de Rei na presentación do evento Son d’Aldea, que terá lugar os días 6 e 7 de setembro. Durante o acto, estivo acompañada polo Alcalde da localidade, Pablo José Taboada Camoira, o presidente da Asociación Son d’Aldea, Afonso García Penas, e doutros membros da organización.
García Porto destacou que “este encontro permítenos vivir en primeira persoa como era a vida da aldea nos anos 40 e 50 e manter a lembranza de cando o rural era o motor da nosa economía e tradición; unha lembranza que aínda vive na memoria dos nosos maiores, homenaxeados nesta edición”.
Este evento pioneiro, reunirá a preto de 500 persoas na parroquia de Santiago de Alba. “Trátase do número máximo de entradas postas á venda pola organización para poder asegurar así unha experiencia de calidade que achegue aos participantes ao noso pasado, e que invite á reflexión e ao coñecemento”, explicou a Deputada.
Durante dous días os asistentes poderán desfrutar de gran variedade de actividades, como actuacións musicais, rutas teatralizadas, conferencias, monólogos, demostracións de oficios tradicionais ou a mostra de artesanía alimentaria. As entradas seguen á venda na páxina web http://sondaldea.es/reserva-prazas/.
Programa
Venres 6 de setembro:
- 16:30 horas: Recepción de participantes
- 17:00 Mesa redonda: As Persoas Maiores no Medio Rural
Conferenciantes:
- Mª. Carmen Morán de Castro (USC): Animación sociocultural como estratexia educativa promotora da participación social.
- Alberto Saco (UVigo): Os vellos no rural: Futuro e diversidade.
- Raquel Vázquez Pérez (Universidade de Vigo): O mantemento da poboación maior no rural: Os servizos de proximidade.
- 20:00 horas: Presentación do libro: As novas na aldea, 2018
- 20:15 horas: Monólogo. “Daló de onde eu veño...”; CAXOTO (Felipe Díaz)
- 21:00 horas: Cea con produtos da aldea e encomenda.
- 22:00 horas: Actuación da Asociación Cultural “Palacio do Rei”
Sábado 7 de setembro:
- 09:30 horas: Recepción de participantes
- 10:00 horas: Roteiro teatral: Os Ollos da Experiencia
- 17:00 horas: Mostra de oficios artesáns e artesanía Alimentar Na Aldea e xogos populares con Xotramu.
- 20:00 Actuación: As Cantigas De Elena
- 21:00 Romaría con Os Melidaos