Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

O Goberno provincial ratifica no Pleno o seu compromiso coas residencias de maiores previstas

José Tomé Roca
Residencias
SUPLUSA
Pleno Extraordinario Deputación de Lugo sobre as residencias de maiores
Reiterou de novo a folla de ruta “clara, transparente e firme” que ten trazada: cumprir cos compromisos adquiridos, non sumar ningún novo e seguir intentando a través do diálogo institucional que a Xunta asuma a súa responsabilidade

O Goberno da Deputación ratificou no Pleno celebrado este martes a folla de ruta “clara, transparente e firme” que trazou ao abeiro do pacto de Goberno de PSdeG e BNG sobre a rede provincial de centros públicos de atención a maiores e demostrou que todas as premisas que usou a voceira do PP, Elena Candia, para solicitar a sesión plenaria sobre este asunto son “intencionadamente erróneas”.

Dende a toma de posesión, o Goberno, segundo lembrou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, sempre dixo o mesmo:

-  PRIMEIRO: A Deputación cumprirá todos e cada un dos compromisos adquiridos cos Concellos en materia de construción e posta en marcha das residencias, que suman 18. A día de hoxe están abertos tres centros –os de Trabada, Ribadeo e Pol- e os restantes proxectos comprometidos son os seguintes: A Fonsagrada, A Pontenova, Becerreá, Castroverde, Cervantes, O Courel, Guitiriz, Meira, Navia de Suarna, Ourol, Pantón, Pedrafita do Cebreiro, A Pobra do Brollón, Portomarín e Ribas de Sil.


- SEGUNDO: A Deputación seguirá adiante con estes compromisos, pero non adquirirá ningún máis porque, como sempre defendeu, mesmo dende que comezou a proxectar a rede pública de residencias, a responsabilidade de impulsar este servizo é da Xunta de Galicia.


- TERCEIRO: Co diálogo e a lealdade institucionais como ferramentas, a Deputación seguirá traballando co obxectivo de que a Xunta asuma a súa responsabilidade nesta materia. Neste senso, o Presidente, José Tomé, defendeu “a colaboración institucional, sen deixar de esixir a responsabilidade que ten cada quen”. Así, lembrou que no Estatuto de Autonomía de Galicia, “a nosa Constitución”, atribúese á Xunta de Galicia a competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, o que lle dixemos é que se aplique o conto e que cumpra co Estatuto porque as competencias están para exercelas”. 


Ademais de ratificar esta folla de ruta, o Goberno evidenciou o plantexamento falso co que Elena Candia pediu o pleno sobre os centros de atención a maiores, pois “é falso  que o Goberno decidise romper cos acordos que a propia Deputación asinou cos Concellos en materia de residencias, e é falso que identificamos o servizo das residencias como insostible”. “Nunca ningún membro deste Goberno fixo semellante afirmación”, afirmou a voceira socialista, retando á popular a amosar “onde dixemos tal cousa”, algo que foi incapaz de facer.


O Presidente desmonta “os inventos” de Candia


O Presidente da Deputación, José Tomé, desmontou “os inventos” da voceira provincial do PP sobre as residencias, desactivando deste xeito a súa tentativa de enganar aos concellos e á veciñanza sobre o futuro e viabilidade da rede provincial de centros públicos de atención a maiores. Neste senso, Tomé deixou en evidencia a Candia subliñando que mesmo “algún Alcalde do Partido Popular, como o de Pantón, con declaracións públicas nas que se mostrou convencido de que a residencia prevista no seu concello será unha realidade, desacreditou o intento de manipulación” da voceira popular.


“En democracia e dentro da Lei, cada un pode facer o que queira, pero en política non vale todo. Hai que ter algo de pouso, e non tomar decisións froito da impaciencia ou a desesperación, que son malas conselleiras. Así que, tranquilícese e sexa útil aos veciños da provincia de Lugo. Faga unha oposición constructiva, dende a crítica lexítima á acción do Goberno, pero non invente historias que desprestixian á política e ás institucións”, subliñou o Presidente.


“Polo que vexo”, engadiu, “vostede é unha política que lle gusta xogar no terreo embarrado, pero a min non, a min gústame o xogo limpo e de calidade. Mire, isto cambiou, mudou a película que se estaba proxectando nesta casa, e vostede xa non é a actriz principal, agora hai outros actores que só teñen interese en traballar para os lucenses e para o prestixio desta institución”. “É probable que a vostede lle conveña politicamente que esta casa non teña tranquilidade, normalidade e prestixio, pero eu vou facer todo o posible para que esta institución represente o papel institucional que lle corresponde, dende o rigor e o respecto”, recalcou.


O Presidente da Deputación cuestionou así mesmo que a voceira do PP non respectase o tempo de cortesía de 100 días de mandato solicitando só 22 días despois de que tomase posesión un Pleno extraordinario “sen que tivera acontecido nada extraordinario. Simplemente empezamos a poñer en marcha o noso acordo de goberno, que xa non está mal”.


Con respecto ás manifestacións nas que a voceira do grupo provincial do PP acusou ao Presidente de dar “un golpe de Estado”, José Tomé pediulle que retire “ese exabrupto impropio polo mesmo método que fixo as declaracións, lembrándolle que foi elixido “de xeito democrático por unanimidade das compañeiras e dos compañeiros, conforme á Lei, na sede xudicial da Xunta Electoral de Zona, supoño que igual que vostede”, e posteriormente “foi elixido tamén democraticamente nun acto público nesta mesma sala de sesións”.