Deputación de Lugo
Infraestruturas

Restrinxido o tráfico na ponte de Uriz, en Begonte, polo afundimento dunha parte da estrada

José Tomé Roca
Begonte
Imaxe deputación de lugo
Para garantir a seguridade viaria, quedou prohibido o paso de vehículos de máis de 10tns. de peso e limitada a velocidade a 40qms/h.

Por indicación expresa do Presidente, iniciaranse de inmediato, este luns, as obras para o arranxo da vía, a LU-P-5101, coa previsión de que a circulación quede normalizada unha semana despois

A Deputación de Lugo informa de que o tráfico permanece dende hoxe restrinxido na ponte de Uriz, en Begonte, no punto quilométrico 1,100 da estrada LU-P-5101, no límite co Concello de Rábade, debido ao afundimento producido onte á noite dunha parte da vía. Así, para garantir a seguridade viaria, quedou prohibido o paso de vehículos de máis de 10tns. de peso e limitada a velocidade a 40qms/h.

Por indicación expresa do Presidente, José Tomé, iniciaranse de inmediato, este vindeiro luns, as obras para o arranxo da estrada coa previsión de que rematen e a circulación quede normalizada unha semana despois. Os traballos, que se acometerán con cargo ás tarefas de conservación da rede viaria provincial, terán un custe aproximado de 10.000€ e consistirán no baleirado e rexeneración con formigón da parte da calzada afundida e o posterior aglomerado. Ata o inicio das obras, a empresa encargada da conservación da estrada e técnicos provinciais realizarán dúas inspeccións diarias para supervisar o estado da vía e tomar novas medidas de seguridade se é necesario.