Deputación de Lugo

José Tomé abre unha nova etapa na Deputación co obxectivo de devolver a tranquilidade á institución e reforzala como garante da cohesión social e territorial da provincia

presidente
Pleno
deputados
corporación goberno
Corporación de goberno. 2019
- “Contribuír á igualdade de oportunidades é imprescindible para impulsar o desenvolvemento e o progreso de Lugo e combater a caída demográfica e o envellecemento da poboación, unha da principais ameazas ás que se enfronta Lugo”
- “Só me move, e só penso, no mellor para provincia de Lugo, para os nosos 331.327 veciños e veciñas, e no mellor para Galicia, defendendo sempre o interese xeral, e por iso, só me move servir á provincia de Lugo”

O Alcalde de Monforte, o socialista José Tomé Roca, tomou este xoves posesión do cargo de Presidente da Deputación de Lugo no Pleno de constitución da nova Corporación provincial saída das eleccións municipais do 26M, co que, subliñou, se abre unha nova etapa na vida da institución na que sitúa como obxectivo propio e do seu Goberno  devolver “a tranquilidade e a normalidade institucional a esta casa, que necesariamente ten que ser noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo, e non por ningunha outra cuestión que escape do interese xeral”.


Será igualmente unha prioridade para o Presidente, asegurou, “fortalecer o papel da Administración provincial como garante da cohesión social e territorial da provincia”, pois “contribuír á igualdade de oportunidades é imprescindible para impulsar o desenvolvemento e o progreso de Lugo e, ao mesmo tempo, para combater unha da principais ameazas, se non a máis importante, á que nos enfrontamos na nosa provincia: a caída demográfica e o envellecemento da poboación”.


En todo este proceso, recalcou o Presidente, “só me move, e só penso, no mellor para provincia de Lugo, para os nosos 331.327 veciños e veciñas, e no mellor para Galicia, defendendo sempre o interese xeral, e por iso, só me move servir á provincia de Lugo”.

DISCURSO DE JOSÉ TOMÉ ROCA NA TOMA DE POSESIÓN COMO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO: 

Bos días a todos e todas, e moitas gracias por acompañarnos neste acto de Constitución da Deputación Provincial de Lugo.


É para min unha honra recibir este bastón de mando que simboliza a Presidencia desta institución, que quero compartir con todos vostedes e tamén con todos e todas as lucenses.


Quero agradecer a todos os veciños e veciñas da provincia de Lugo, que co seu voto o día 26 de maio conformaron unha maioría de progreso que se ve reflexada na composición desta Corporación Provincial.


Así que, gracias ós lucenses e gracias ós deputados e deputadas do Partido Socialista e do Bloque Nacionalista Galego, por elixirme co seu voto, Presidente da Excelentísima Deputación Provincial de Lugo.


Por suposto que tamén quero dar as gracias ós compañeiros e compañeiras que me propuxeron, e tamén ós órganos do Partido Socialista que confiaron na miña persoa para esta tarefa.


Hoxe abrimos unha nova etapa na vida desta institución provincial. Creo firmemente na política como parte esencial da democracia. A política é o instrumento para mellorar a vida das persoas, para implantar a xustiza social e o benestar. En definitiva, a política é o instrumento máis axeitado para impulsar o progreso da sociedade, por iso creo que temos a obriga de dignificar a política, porque degradar o servicio público, vai en perxuizo de toda a sociedade, e sobre todo dos máis débiles. E só creo nunha forma de facer política: con honestidade, con rigor, con eficiencia, con diálogo, con transparencia e con proximidade á cidadanía. Son valores que rexeron sempre a miña traxectoria política e que tamén aplicarei dende hoxe mesmo como Presidente da Deputación Provincial de Lugo.


Asumo esta nova etapa con ilusión e con optimismo, porque estou en disposición de traballar pola provincia de Lugo, co obxectivo de mellorar as condicións socioeconómicas, medioambientais e culturais de todos e todas as lucenses, co aval da experiencia política que me dá haber tido responsabilidades políticas no ámbito municipal, no ámbito do Estado e tamén no ámbito autonómico.
Un dos meus obxectivos como Presidente, e por suposto do Goberno que conformaremos o Partido Socialista e o BNG, será devolver a tranquilidade e a normalidade institucional a esta casa, que necesariamente ten que ser noticia polas políticas que sexamos capaces de levar a cabo, e non por ningunha outra cuestión que escape do interese xeral.


A nosa prioridade será fortalecer o papel desta Administración como garante da cohesión social e territorial da provincia. 


Contribuír á igualdade de oportunidades é imprescindible para impulsar o desenvolvemento e o progreso de Lugo e, ao mesmo tempo, para combater unha da principais ameazas, se non a máis importante, á que nos enfrontamos na nosa provincia: a caída demográfica e o envellecemento da poboación. 


Un reto que precisa de medidas inmediatas e eficaces enmarcadas nunha estratexia global de país na que, por suposto, a Deputación quere implicarse e colaborar.


Para avanzar na cohesión social e territorial, e tamén na igualdade de oportunidades, seguiremos reforzando a asistencia e a cooperación cos Concellos a través do traballo en rede co fin de proporcionarlles de maneira equitativa e axeitada ás súas necesidades e características, recursos económicos, técnicos e materiais cos que poidan dotar e implementar servizos e infraestruturas que melloren a calidade de vida e o benestar da veciñanza. 


Este obxectivo, daremos especial protagonismo á eliminación da fenda dixital coa extensión das novas tecnoloxías. Poucos lugares quedan a día de hoxe illados por estrada, pero moitos aínda están incomunicados dixitalmente, o que bloquea o seu dinamismo social e económico. 
Lugo é a provincia máis extensa de Galicia, e tamén é a provincia máis rica na súa diversidade, dende as terras mariñanas da costa lucense, as llanuras da terra chá, pasando pola capital da provincia coa muralla romana, subindo ás montañas de Cervantes e Courel convertido en xeoparque, para rematar no Val de Lemos que abraza ó río Miño e o río Sil para conformar a Ribeira Sacra, coa súa viticultura heroica.
En colaboración cos Concellos e da man da Universidade -o Campus Terra e a UNED-, promoveremos novas iniciativas e proxectos para que a inmensa riqueza de recursos naturais e culturais cos que conta a nosa provincia, probablemente a de maior biodiversidade de Galicia, se converta en oportunidades económicas e de emprego que permita á nosa mocidade construír aquí o seu proxecto de vida profesional, persoal e familiar.
Sempre dende a debida lealdade institucional, seremos firmes e vehementes ante o resto de administración –Xunta de Galicia e o Goberno do estado- na reivindicación do cumprimento de todos os compromisos pendentes coa provincia en materia de comunicacións, servizos e actividade económica, moitos deles case históricos, e na reivindicación dun trato xusto e de políticas que teñan en conta o peso específico e as potencialidades da provincia.


Ademais de facelo cos concellos, coa Xunta e co Estado, creo que tamén é necesario buscar sinerxias e artellar alianzas co resto das institucións provinciais. 


Afrontamos moitos retos comúns -o despoboamento, o financiamento, as carencias en novas tecnoloxías…- , e xuntos faremos máis forza e poderemos encontrar solucións máis eficaces.


Europa será tamén unha aliada da Deputación neste mandato. Continuaremos levando a cabo os programas europeos que temos en marcha e optaremos a captar novos recursos económicos da Unión Europea que nos axuden a aproveitar e desenvolver as potencialidades da provincia. 
En todo este proceso, só me move, e só penso, no mellor para a provincia de Lugo, para os nosos 331.327 veciños e veciñas, e no mellor para Galicia, defendendo sempre o interese xeral, e por iso, só me move servir á provincia de Lugo.


O Goberno que eu presida vai traballar a prol de todos e todas as lucenses poñendo en práctica políticas progresistas que contribúan a consolidar unha maioría de progreso en Lugo e en Galicia.


En resumo, a Deputación vai ser o Concello dos Concellos, procurando ser útiles a todas e todos as lucenses.


Para lograr estes obxectivos será necesaria a colaboración e complicidade de todos, grupos políticos, sindicatos, empresarios e do tecido asociativo, dende o diálogo e dende a xenerosidade de todos e todas, e coa inestimable axuda que supón a experiencia e profesionaldiade do corpo de empregados públicos desta casa.


Quero que saiban que, ata agora era o candidato do Partido Socialista, a partir de hoxe, serei o Presidente de todas e todos os lucenses.


Espero estar á altura da confianza que os lucenses depositaron en nós, pero sobre todo espero estar á altura do que merece a provincia de Lugo.


Son unha persoa de conviccións firmes, inasequible ó desalento, por iso non me rindo facilmente diante das dificultades, senón todo o contrario, estimúlanme máis para seguir traballando e acadar os obxectivos que teño marcados en beneficio da cidadanía.


Por este motivo, traballaremos arreo, para que cando nos teñamos que examinarnos dentro de catro anos, volvamos a acadar o aprobado da maioría dos veciños e veciñas da provincia de Lugo.


Saúde e moitas gracias.
 

Toma de posesión José Tome. Presidente 2019
Toma de posesión José Tome. Presidente 2019. bis