Deputación de Lugo
Turismo

Centos de persoas achegaranse ao Courel para descubrir as potencialidades da Cantarela

Courel
Cantarela
Centos de persoas achegaranse ao Courel para descubrir as potencialidades da Cantarela
A festa ten como obxectivo dar a coñecer estas setas, así como o seu valor comercial e gastronómico. Durante a xornada farase unha degustación de tapas feitas con cantarelas a cargo de Héctor López, cociñeiro do Restaurante España de Lugo, ademais de entregarse os premios do concurso fotográfico organizado pola USC

Este sábado celébrase a II Festa da Cantarela en Paderne do Courel, un acto festivo de exaltación deste cogomelo, que conta cun gran valor comercial e gastronómico. A USC e o executivo provincial organizan esta cita para dar a coñecer as posibilidades económicas, medioambientais e turísticas das montañas do Courel. Durante a xornada farase unha degustación de tapas feitas con cantarelas a cargo de Héctor López, cociñeiro do Restaurante España de Lugo.

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, explicou que “este cogomelo atópase sobre todo en soutos, sendo parte da gran biodiversidade deste tipo de monte autóctono. Temos que dar a coñecer os recursos que temos e que poden servir de atractivos turísticos e gastronómicos durante todo o ano, xa que as setas existen máis alá do outono”.

Previamente a esta festa a USC organizou un concurso de fotografía que versou sobre As cantarelas e as paisaxes de montaña. As obras participantes estarán expostas na Casa do Concello de Folgoso do Courel e na Estación Científica do Courel.

Programa


-10:30 horas: Ruta guiada por itinerarios naturais da contorna. Saída dende o centro de Paderne (aira do Quintairo).
-13:00 - 13:30 horas: Inauguración amenizada con música popular.
- 13:30 horas: Degustación popular de tapas elaboradas con cantarelas preparadas nas casas rurais do lugar e polo chef Héctor López do restaurante España de Lugo.
- 15:00 - 17:00 horas: Tempo amenizado con música e xogos tradicionais.
- 17:00 horas: Entrega de premios do concurso fotográfico: “As cantarelas e as paisaxes de montaña”. Sorteo de rifas e entrega de agasallos.
- 17:30 horas: Charla divulgativa e elaboración en directo ao aire libre de distintos pratos con cantarelas, a cargo do chef Héctor López.
- 19:00 horas: Clausura da Festa