Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación mellora a estrada do cinturón comarcal do Corgo, cunha achega de 300.000 euros

Corgo
estradas
A partir de hoxe, queda restablecido o tráfico nesta vía para todo tipo de vehículos, xa que conta con todas as garantías de seguridade para a súa circulación

O Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, supervisou as obras de emerxencia executadas na estrada provincial LU-P- 1611 no Corgo, coñecida como cinturón comarcal, na que se realizaron melloras para garantir a súa seguridade e viabilidade e que supuxeron un investimento de 300.000 euros do organismo provincial.

Os traballos que se realizaron, concretamente na ponte do rio Maceda ao seu paso polo punto quilométrico 7.800, consistiron no corte e a demolición do firme, a retirada do recheo e dos tubos existentes, a construción de estribos e a colocación de vigas, así como a pavimentación do firme. Epor último, a reposición da sinalización e a implantación de novos sistemas de contención deste vial.

A LU-P-1611 sufriu un afundimento no mes de xaneiro por mor do tráfico pesado que soporta esta estrada, xa que é un vial fundamental no transito de vehículos do cinturón comarcal da provincia. O proxecto desta obra foi redactado polo departamento de Vías e Obras da Deputación, e foi declarada de emerxencia debido a súa singularidade. 

A partir de hoxe queda restablecido o tráfico nesta estrada provincial e queda aberta para a circulación de todo tipo de vehículos, xa que conta con todas as garantías de seguridade para a súa circulación.