Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación organiza a primeira xornada de turismo científico no Courel

Turismo científico
Courel
A Deputación organiza a primeira xornada de turismo científico no Courel
Neste encontro, promovido polo Goberno Provincial, profesionais de diferentes áreas da ciencia expuxeron a súa visión para impulsar os Ancares e O Courel como un destino de turismo científico

Vidal Baamonde subliñou que “esta xornada constitúe un bo espazo para o intercambio de coñecemento entre profesionais do sector turístico sobre a riqueza científica destas Montañas lucenses e os seus recursos botánicos, zoolóxicos ou xeolóxicos”

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou na I Xornada de Turismo Científico nas Montañas dos Ancares e do Courel que tivo lugar, este sábado, na Estación Científica de Seoane. Unhas 30 persoas asistiron a este encontro promovido polo Goberno Provincial no que profesionais de diferentes áreas abordaron a súa visión para impulsar un turismo diferente nestes espazos naturais da provincia.  

Vidal Baamonde subliñou que “na Deputación continuamos promovendo iniciativas para fomentar un turismo sostible nas Montañas de Ancares e Courel e crear un destino turístico diferenciado na provincia vinculado á ciencia. Esta xornada constitúe un bo espazo para o intercambio de coñecemento entre profesionais do sector turístico sobre a riqueza científica destas Montañas lucenses e os seus recursos botánicos, zoolóxicos ou xeolóxicos”.

Na I Xornada de Turismo Científico participaron como poñentes Maite Vence Fernández de ObserverScienceTourism.com que afondou en como a ciencia cidadá constitúe un xeito diferente para practicar outro tipo de turismo, o científico. O Enxeñeiro de Montes e Investigador da USC, Gaspar Bernárdez Villegas, expuxo os recursos botánicos deste espazo natural, entre eles, as árbores senlleiras do Courel. O Veterinario e Investigador científico da USC, Julián Alonso explicou a importancia da micoloxía como recurso turístico e un membro da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Óscar Rivas López, abordou a recuperación do oso pardo nas montañas do Courel e Ancares. Pola súa banda, o Director da Estación Científica do Courel (USC), Antonio Regueiro destacou o papel que xoga a Estación Científica no modelo de Turismo Científico Ancares-Courel.

Co obxectivo de dinamizar esta contorna local con proxectos empresariais vinculados ao Turismo Científico, na sesión da tarde tivo lugar un obradoiro sobre creatividade e modelos de negocio dirixido especialmente a empresas turísticas interesadas en desenvolver a súa actividade nas montañas de Ancares e Courel, tales como; axencias de viaxe, hoteis, empresas de actividades, restaurantes e profesionais do sector. Nel presentáronse ferramentas para a creación de modelos de negocio asociados á dinamización do rural con exemplos de boas prácticas.

Novos proxectos para impulsar o Turismo Científico


A riqueza xeolóxica desta zona Sur da provincia queda patente pola súa variedade de xeoformas, fauna, flora, e restos do desenvolvemento humano como castros e minería. Destacan os paisaxes xeolóxicos no que sobresae o pregamento xeolóxico da Campodola. As Montañas dos Courel foron recentemente declaradas Xeoparque Mundial pola Unesco converténdose no primeiro do Noroeste de España e pasando a formar parte dunha rede de parques xeolóxicos e áreas naturais protexidas composta por 141 áreas en todo o mundo. Ademais, grazas ao impulso dun proxecto do Goberno Provincial tamén recibiron recentemente a certificación Espazo Observer Turismo Científico.

Con este distintivo o Executivo provincial en funcións está a desenvolver unha estratexia con preto de 10 liñas de accións para impulsar estes recursos naturais e facer divulgación científica. Entre os novos proxectos para impulsar un turismo vinculado á ciencia nas Montañas dos Ancares e Courel están unha nova Guía de Turismo Científico en formato dixital cunha selección de 50 puntos de interese nas Montañas de Ancares e Courel que permitirá aos visitantes percorrer e coñecer os recursos científicos, naturais, culturais máis relevantes deste territorio publicarase, proximamente. Tamén se crearán 5 itinerarios temáticos diferentes sobre Xeoloxía, Botánica, Ecoloxía, Zooloxía e Arqueoloxía que estarán sinalados no terreo con paneis explicativos e cunha sinalización con códigos QR e NFC (Tecnoloxía sen fíos de curto alcance) que permitirá aos visitantes obter información a través do móbil. Toda esta información estará dispoñible nunha web e poderá descargarse de forma sinxela a través dunha APP. Ademais, estes roteiros integraranse nun proxecto de Ciencia cidadá que serán tamén publicados noutras dúas plataformas especializadas en achegar a ciencia, biodiversidade e os espazos naturais á cidadanía como biodiversidade.eu  

Este tipo de turismo vencellado á ciencia supón un motor de desenvolvemento económico cun importante efecto multiplicador para os concellos que integran o territorio. A Deputación organizou hai uns meses formación específica e gratuíta para capacitar a 23 profesionais como Guías Observer de Turismo Científico. Tamén puxo en marcha un exitoso programa de actividades para todos os públicos de visitas guiadas que esgotou as prazas en menos de 24 horas.