Cultura
Deputación de Lugo

100 bandas internacionais e máis de 100.000 persoas daranse cita no Resurrection Fest, co que colaboran Deputación e Concello

Resurrection Fest
Viveiro
cámping
Covas
Mirador de San Roque
100 bandas internacionais e máis de 100.000 persoas daranse cita no Resurrection Fest, co que colaboran Deputación e Concello
O festival terá lugar do 3 ao 6 de xullo no municipio mariñán co apoio principal do Executivo Provincial, pois achega 150.000 euros, e do Concello de Viveiro, que pon á disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas e o Mirador de San Roque

Campos avanzou que reunirá a máis de 100.000 espectadores de 40 países, xerando beneficios de máis de 8,5 millóns de euros e 2.100 empregos directos e indirectos

Loureiro lembrou a Roel porque foi o que apoiou e soubo ver a proxección do Resu, que outros ata criticaron e agora quítanse fotos co cartel porque é un referente. A Alcaldesa agradeceu a implicación de todos os veciños, en especial aos de Celeiro

Actuarán Slayer, Slipknot, KingDiamond, ParkwayDrive, grupos que encabezan o cartel, convertendo á provincia de Lugo na capital mundial da música metal e rock

O Presidente en funcións, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, presentaron este martes o XIV Resurrection Fest, o festival de música metal e rock máis importante de España e un dos máis relevantes de Europa, que se celebrará desde o 3 ao 6 de xullo. Fixérono acompañados de Iván Méndez Rodríguez, Director do festival.

Campos Conde adiantou que “dende a primeira edición o Goberno Provincial, xunto ao do Concello de Viveiro con Melchor e María, apostamos por este festival e convertemos á Deputación na institución que máis colabora con esta cita. Facémolo cunha achega de 150.000 euros, pois o Resu é capaz de xerar un volume de negocio na nosa provincia de máis de 6,6 millóns de euros e de 8,5 en toda Galicia”.

Pola súa parte, o Concello de Viveiro cede os terreos para a organización do festival e pon a disposición dos usuarios o cámping gratuíto en Covas (con servizos de baños, duchas e buses) e o Mirador de San Roque (que tamén conta cunha gran zona de aparcamento). Ademais, este ano, grazas ao acordo de colaboración entre o Concello e o festival, os viveirenses poden participar neste macro evento á metade de prezo, xa que contan co 50% de desconto nas entradas.

Loureiro García, ao igual que o Presidente, lembrou con moito cariño a Melchor Roel “que apostou e impulsou o Resu, facendo posible o que hoxe vemos. Sempre confiou neste festival, que tamén é seu. Hoxe estaría moi orgulloso de ver as dimensións ás que chegou ou a súa repercusión a nivel mundial, poñendo no mapa a Viveiro. Porque o Resu non se entende sen Viveiro e o Concello sen o festival, que forma xa parte da nosa historia”.  

100.000 persoas, 40 países e 2.100 empregos


Campos Conde subliñou que “isto non é un gasto senón un investimento para a nosa provincia. O Resu ten todo un recoñecemento mundial. É o mellor festival de rock de España e dos mellores de Europa. Atrae a 100.000 persoas de máis de 40 países e xera uns 2.100 postos de traballo directos e indirecto pois, por exemplo, contrátase persoal de seguridade, produción, iluminación, son, limpeza, atención nas billeteiras e tamén para reforzar o servizo en bares, restaurantes ou hoteis... De feito, os hoteis da Mariña están cheos polo que os efectos do Resu se estenderon á Terra Chá e a Concellos da Coruña”.

12.300 persoas enchen os 4 cámpings


A Alcaldesa destacou que “Viveiro ten unha ocupación hoteleira do 100% durante toda esta semana. Están ocupadas as 2.000 prazas hoteleiras. O mesmo sucede coas 300 prazas do cámping municipal e coas 12.000 prazas dos cámpings da organización (ResuCamp, BeachCamp e o de Covas). Este volume de visitantes contribúe á dinamización económica e promoción turística do noso Concello”. Dende o BeachCamp e o cámping en Covas haberá servizo de transporte. Os buses saíran sempre que haxa concertos, uns minutos antes de que comecen as actuacións.

4 escenarios e 100 bandas para todos os públicos


Iván Méndez Rodríguez explicou que “este ano, contamos cun recinto máis amplo  e máis servizos. O cartel é moi variado, ambicioso e para todos os públicos. Haberá 4 escenarios temáticos e 100 bandas. Poderemos ver lendas da música como Slipknot, Slayer, ParkwayDrive, KingDiamond, WithinTemptation, LambofGod, Gojira, ArchEnemy, Trivium, Testament, MIllencolin, Cradleoffilth, Kvelertak, Culto of Luna, WhileSheSleeps, Converge, TheAdicts, Ignite, Avatar, BerriTxarrake moitos máis”.

Campaña de sensibilización


Loureiro destacou que “dende o Concello de Viveiro, e dentro da nosa defensa dos dereitos das mulleres, promovemos unha campaña para evitar agresións sexistas no Resu, coa instalación dun punto de atención lila, así como con labores de información e concienciación aos visitantes. De feito, haberá voluntarios que percorrerán o recinto repartindo dípticos informativos e facéndose visibles para evitar calquera tipo de agresión que se poida producir. Facémolo como medida preventiva pois nestes 13 anos non houbo ningunha denuncia por agresión sexual”.