Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A realidade dos refuxiados LGTBI darase a coñecer mañá nunha xornada no Museo Provincial

LGTBI
Museo Provincial
Imaxe deputación de lugo
Os xardíns do Museo acollerán este venres o encontro Diversidade Sexual e de Xénero no Asilo, que constará de obradoiros e charlas con persoas refuxiadas pertencentes ao colectivo LGTBI co fin de acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria

A Rede Museística Provincial de Lugo xunto coa Asociación ARELAS e ACCEM organizan este venres nos Xardíns do Museo a xornada Diversidade Sexual e de Xénero no Asilo con motivo do Día Mundial do Refuxiado, que se celebra hoxe, 20 de xuño, coincidindo ademais co mes do orgullo LGTBI.

Ás 18:00 horas, celebraranse obradoiros abertos para todos os pequenos que se acheguen aos xardíns do museo, nos que se fomentará a concienciación e a sensibilización sobre a realidade LGTBI, traballando ademais sobre o concepto de identidade. Posteriormente, ás 20:00 horas, comezará o coloquio Persoas na procura de liberdades, no que persoas refuxiadas pertencentes a este colectivo amosarán a realidade dos seus países de orixe dos que tiveron que fuxir por mor da violencia.

A Deputación promove a igualdade e a plena inclusión, traballando con 50 colectivos e asociacións da provincia co fin de acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria. A través de numerosos programas e actividades estes colectivos sociais tratan de mellorar a calidade de vida e benestar dos usuarios que atenden.