Deputación de Lugo
Formación

Preto de 50 alumnos do IES Lamas das Quendas participan no primeiro encontro de Referentes Galegas nas Aulas

Chantada
Formación
mocidade
Referentes Galegas nas Artes
Este foi o 1º dos 14 encontros que se retomarán no mes de setembro co inicio do curso escolar en diferentes zonas da provincia. Nesta iniciativa, promovida polo organismo provincial e a Asociación de Executivas de Galicia, participan alumnos de ESO, FP e Bacharelato

García Porto sinalou que “a través desta programación, os alumnos, que en pouco tempo empezarán a tomar decisións cara onde dirixir o seu futuro, poden descubrir ámbitos de éxito, onde as mulleres están presentes”

Esta programación enmárcase dentro do proxecto, posto en marcha por esta asociación, Referentes Galegas, que inclúe un amplo directorio de mulleres que pola súa traxectoria e valía, poden ser modelos a seguir

A Deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, participou, este luns no IES Lamas das Quendas do Concello de Chantada, no primeiro dos 14 encontros enmarcados na programación Referentes Galegas nas Aulas, no que participaron preto de 50 alumnos. Esta iniciativa, posta en marcha pola Asociación de Executivas de Galicia e en colaboración co Executivo Provincial, achega a alumnos de 15 a 18 anos encontros con mulleres referentes en diferentes eidos profesionais. O obxectivo é dar visibilidade, entre os mozos, ás mulleres profesionais da Comunidade Galega.

García Porto destacou que “iniciamos esta andadura co primeiro destes encontros no que contamos con dúas mulleres referentes nos seus campos profesionais, a catedrática de Microbioloxía da USC, Alicia Estévez Toranzo, e a Directora da Escola da Paisaxe, Juana de la Vega, Isabel Aguirre de Úrcola. Esta programación é unha boa oportunidade para achegar, ás novas xeracións, as experiencias de mulleres referentes. Ademais, os alumnos, que en pouco tempo empezarán a tomar decisións cara onde dirixir o seu futuro, poden descubrir ámbitos de éxito, onde as mulleres están presentes”.

A programación Referentes Galegas nas Aulas, retomarase no vindeiro mes de setembro, co inicio do novo curso escolar. Serán 14 encontros nos que preto de 700 mozos de 4º de la ESO, 1º de Bacharelato e Formación Profesional nos que os alumnos interactuarán coas poñentes e realizaranse nas seguintes zonas da provincia: Terra Chá; Guitiriz; Castro de Rei; A Mariña; Terra de Lemos; Chantada; A Ulloa; Sarria; Becerreá; A Fonsagrada e Lugo.

Esta programación enmárcase dentro do proxecto, posto en marcha por esta asociación, Referentes Galegas, que inclúe un amplo directorio de mulleres que pola súa traxectoria e valía, poden ser modelos a seguir.

Executivas de Galicia
A Asociación de Executivas de Galicia está formada por mulleres profesionais do sector executivo e directivo, tanto público como privado que crearon un espazo colectivo e de apoio que visibiliza e impulsa o empoderamento feminino como motor de futuro. Este colectivo trata de visibilizar, defender e representar os dereitos e intereses da muller executiva galega.