Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

Máis de 200 rapaces e rapazas participarán no II Torneo Montes e Vales Orientais de baloncesto

a fonsagrada
Deportes
baloncesto
Presentación II Torneo Montes e Vales Orientais
O Torneo, organizado pola Agrupación Xuvenil Sagrado Corazón, coa colaboración do concello da montaña e do organismo provincial, terá lugar os días 15 e 16 de xuño

Fernández Queipo explicou que “este torneo pretende reunir e crear lazos entre equipos de Galicia, Asturias, e Castela, unha boa oportunidade para fomentar os valores asociados ao deporte entre os máis novos, como a solidariedade”

As inscricións para o torneo seguen abertas, os clubs que desexen participar deberán poñerse en contacto coa Agrupación Sagrado Corazón mediante correo electrónico

O Vicepresidente da Deputación e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentou, este xoves, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a II Edición do Torneo Montes e Vales Orientais de baloncesto, que terá lugar os próximos 15 e 16 de xuño no Concello da Fonsagrada e no que participarán máis de 200 rapaces e rapazas. O torneo está organizado pola Agrupación Xuvenil Sagrado Corazón, coa colaboración do concello da montaña e do organismo provincial.

Fernández Queipo explicou que “este torneo pretende reunir e crear lazos entre equipos de Galicia, Asturias, e Castela, unha boa oportunidade para fomentar os valores asociados ao deporte entre os máis novos, como a solidariedade. Ademais de coñecer a comarca da montaña, as súas paisaxes, a súa gastronomía”.

No Torneo, que continúa coas inscricións abertas, xa hai anotados clubs de Oviedo, Lugo, Burela ou Burgos, participarán equipos nas categorías infantil e cadete tanto masculinos como femininos, un total de 24 equipos, 6 por categoría. Os clubs que desexen participar deberán poñerse en contacto coa Agrupación Sagrado Corazón mediante o correo electrónico ajsc_lugo@hotmail.com. Os rapaces estarán instalados na Escola Fogar da Fonsagrada, e xogarán no Polideportivo Municipal e no Pavillón do IES Fontem Albei da Fonsagrada.