Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Aprobado o ingreso de 13 maiores da provincia na Residencia de Pol, que entrarán a vindeira semana

Pol
Residencias
Imaxe deputación de lugo
Este xoves, os primeiros 13 veciños formalizan a súa entrada no propio centro. Do total, 7 son veciños de Pol que non desfrutan de ningunha atención, outros 3 tamén de Pol pero que están noutras residencias ou vivendas comunitarias privadas e volven ao seu municipio, e 2 de Concellos limítrofes

Aínda está aberta a solicitudes para as 200 prazas que ofrecen os centros de maiores de Pol, Ribadeo, Trabada e A Fonsagrada. Os interesados poden formalizar a súa petición ou obter máis información no Concello ou na Deputación. Teñen prioridade de acceso primeiro os veciños do Concellos, logo os da Comarca e seguidamente lucenses en xeral

Os prezos son en función da capacidade económica de cada usuario e sempre lle quedará libre o 25% dos seus ingresos para o día a día. Deputación financia aos lucenses as prazas nun 75% e, no caso de ser necesario, nunha maior porcentaxes nos municipios de menos de 5.000 habitantes

Este xoves, aprobouse o ingreso na Residencia de Pol dos primeiros 13 maiores da provincia que poderán acceder á súa praza neste centro público de Deputación e Concello, previsiblemente, a vindeira semana. Ao longo do día de hoxe, os usuarios seleccionados achegaranse ao centro de maiores e aos servizos sociais do municipio a formalizar a súa entrada. Dos 13 seleccionados, 7 son veciños de Pol que arestora non desfrutan de ningunha atención, outros 3 tamén de Pol pero que están noutras residencias ou vivendas comunitarias privadas e volven ao seu municipio, así como 1 de Baleira e 1 de Castro de Rei que están en residencias privadas en Lugo e 1 veciña de Castro de Rei que non ten praza. Este centro ofrece 36 prazas de residencia e 15 prazas no centro de día, e as persoas que o desexen poden solicitar a súa praza nas dependencias municipais.

Na de Ribadeo, a día de hoxe, hai 49 solicitudes. Destas 28 son veciños de Ribadeo que non desfrutan deste tipo de atención e 15 son veciños do Concello que están en centros privados de Xove, Mondoñedo, O Valadouro, Guntín, Outeiro de Rei, Láncara, Viveiro e Monforte de Lemos, que volverán ao seu Concello. Tamén hai solicitudes de 2 veciños de Barreiros e 2 de Viveiro que non teñen praza, así como 1 de Castro de Rei e 1 do Valadouro que están tamén en Residencias privadas, e queren acceder ás prazas públicas.

Na Fonsagrada, que ofrece 54 prazas, hai polo momento 26 solicitudes, todas elas de veciños da zona e, en Trabada, que dispón de 50, hai 10 usuarios que xa desfrutando desta prestación, todos eles do Concello, así como outras tantas solicitudes.  

Solicitude das 200 prazas abertas. Prioridade de acceso e axudas a lucenses
Aínda está aberta a solicitudes para as 200 prazas que ofrecen os 4 centros de maiores. Os interesados poden formalizar a súa petición ou obter máis información no propio Concello así como no Servizo de Benestar da Deputación. Teñen prioridade de acceso primeiro os veciños destes Concellos, logo os da Comarca e seguidamente lucenses en xeral. Os prezos son en función da capacidade económica de cada usuario e sempre lle quedará libre o 25% dos seus ingresos para o día a día. Deputación financia aos lucenses as prazas nun 75% e, no caso de ser necesario, nunha maior porcentaxes nos municipios de menos de 5.000 habitantes por teren menos recurso. Deste xeito, garántese o acceso universal ás mesmas aos maiores da provincia.