Antonio Fraguas protagonista na Semana Escolar organizada pola Deputación

Antonio Fraguas
Semana Escolar
Día da Letras Galegas
Imaxe deputación de lugo
Preto de 7000 alumnos e alumnas de 45 centros educativos da provincia participan nunha nova edición da Semana Escolar das Letras Galegas. As actividades dan a coñecer as facetas máis relevantes de Antonio Fraguas

A Semana Escolar das Letras Galegas organizada pola Deputación de Lugo achegou a figura de Antonio Fraguas a preto de 7000 nenos e nenas de 45 centros educativos de secundaria da Provincia, na que 387 docentes realizarán co seu alumnado as actividades propostas.

Este ano a celebración do Día da Letras Galegas dedicase a Antonio Fraguas Fraguas, un neno de aldea que chegou a acadar unha posición sobranceira na nosa cultura, pola que loitou desde a recuperación e a dignificación da nosa lingua, usos e costumes. Malia ser pontevedrés de nacemento e compostelán de corazón, o seu paso por Lugo non foi menor. Supuxo para el a súa restitución como mestre e unha intensa vida social e cultural que deixou unha fonda pegada na nosa provincia.

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, destacou “a importancia de dar a coñecer entre os máis novos as figuras que loitaron pola nosa cultura, facendo posible o seu recoñecemento, fundamental para a súa normalización. Dinamizamos o uso da nosa lingua propia, grazas a numerosas iniciativas que a sitúan como unha lingua útil e de prestixio, ademais de como eixo fundamental da nosa cultura”.

Dende a Deputación entregarase os alumnos un libro manual titulado Antonio Fraguas, unha epopea vital no que se coñecerá a súa faceta humana e os seus contemporáneos, ingredientes cos que percorreremos a historia do século XX en Galicia.

O día 16 de maio, como remate da semana escolar e das actividades, ás 12,00 horas os centros participantes procederán á realización dunha serie de actos literarios ao redor da figura de Antonio Fraguas Fraguas e a súa obra e vida.