Axenda Institucional
Deputación de Lugo

A Deputación aproba 3,2 millóns para construír a residencia de Cervantes e mellorar comunicacións

Cervantes
Residencias
Xunta de Goberno
Xunta de Goberno do 15 de Mayo de 2019
Son 1,6 millóns para o centro de maiores, que supón “o maior investimento público feito en Cervantes nas últimas décadas”, explicou o Presidente

Contratadas as obras do desdobramento e humanización da avenida Infanta Elena con 1 millón e melloras en 10 quilómetros de vías en Guitiriz, Antas de Ulla e Friol

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou que este mércores que a Xunta de Goberno aprobou máis melloras e dotacións de servizos públicos para os veciños, facendo un novo investimento na provincia superior aos 3,2 millóns de euros.

Campos Conde explicou que se aprobou o convenio de colaboración entre Deputación e Concello de Cervantes para a construción da residencia e centro de día no municipio. Destínanse 1,6 millóns de euros: 1,4 do organismo provincial e 200.000 do Concello.
“Estes fondos de máis de 1,6 millóns de euros, supón o maior investimento público realizado en Cervantes nas últimas décadas”, explicou.

O centro de maiores realizarase en San Román, nunha parcela que está a adquirir o Concello. Esta instalación ofrecerá 30 prazas de residencia e 20 de centro de día. “É proxecto moi necesario para os veciños de Cervantes, pois o 40% supera os 65 anos, e para todos os da Comarca da Montaña, que conta cunha alta taxa de envellecemento”.

1,5 millóns en Lugo, Guitiriz, Antas de Ulla e Friol
Os restantes 1,5 millóns que aprobou hoxe a Xunta de Goberno son para melloras en comunicacións viarias. Contratáronse as seguintes actuacións: o arranxo doutros 2,2 quilómetros do chamado cinturón comarcal ao seu paso polo Concello de Friol con case 150.000 euros; a rehabilitación doutro treito de 4 quilómetros da estrada de Guitiriz a Vilares con preto de 179.000 euros; a mellora de 4,5 quilómetros da estrada de Antas de Ulla por Santa Mariña ata Borraxeiros con 186.000 euros; e o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, no Concello de Lugo, con 1 millón de euros.