Cultura
Deputación de Lugo

O CEIP de Antas de Ulla acolle un concerto da Tradescola con música tradicional

Antas de Ulla
Tradescola
música
Concerto da Tradescola en Antas de Ulla
Ducias de rapaces participaron en Antas de Ulla nun concerto lúdico e gratuíto. No concerto interpretáronse pezas tanto cantadas como musicais con todo tipo de instrumentos tradicionais

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou, este mércores no CEIP de Antas de Ulla, no concerto didáctico da Tradescola. A escola de música tradicional, xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, leva anos achegándolles aos nenos a cultura galega a través da mostra dos seus instrumentos, sons e ritmos tradicionais.

García Porto sinalou que “dende o Goberno Provincial apoiamos todo tipo de actividades e programacións culturais pois consideramos fundamental que a nosa cultura e tradición chegue ao maior número de persoas posible. A nosa colaboración coa Tradescola, é unha maneira de coñecer e aprender a nosa música tradicional dunha forma completamente lúdica e gratuíta”.

No concerto interpretáronse pezas tanto cantadas como musicais con todo tipo de instrumentos tradicionais tales como: gaitas, zanfonas, requintas, acordeóns, pandeiretas ou pandeiras

Tradescola
A Tradescola naceu no ano 2008 como un proxecto educativo creado pola Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegas, co apoio da Deputación de Lugo, para ofrecer unha formación integral para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música tradicional permitindo ao alumnado ter unha formación integral na música e no baile tradicional. Tradescola ofrece formación en varios instrumentos e tamén obradoiros, talleres e concertos didácticos por toda a Provincia.