Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Deputación e Cegasal amosan ao público o día a día dos traballadores con capacidades diferentes

Cegasal
persoas con capacidades diferentes
traballadores
Deputación e Cegasal amosan ao público o día a día dos traballadores con capacidades diferentes
Esta mostra fotográfica, composta por un total de 24 fotografías, poderase visitar ata o vindeiro 30 de maio no corredor do Pazo de San Marcos

Na cidade de Lugo, a Asociación presidida por José Antonio Vázquez Freire, conta con dous centros especiais de emprego: Grafinco e Productores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a 18 persoas con discapacidade

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, xunto ao Presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire, inauguraron, este martes no corredor da planta baixa do Pazo de San Marcos a exposición Cegasal, unha asociación de persoas para as persoas, que se poderá visitar ata o próximo 30 de maio e que conta coa colaboración do organismo provincial. Esta mostra fotográfica inclúe 24 imaxes, do fotógrafo coruñés Diego Silva, que amosa unha reportaxe que pon en valor o traballo que realizan en diferentes empresas, persoas con capacidades diferentes.

López Izquierdo sinalou que “é un pracer, acoller no Pazo de San Marcos, esta exposición de Cegasal, que nos achega, a través destas fotografías, a capacidade laboral das persoas con capacidades diferentes que integran a nosa sociedade. Dende o Goberno da Deputación, mantemos un firme compromiso con este tipo de iniciativas e de colectivos como Cegasal, que traballan a prol da igualdade e da inclusión social"

Esta exposición é unha iniciativa máis dentro da filosofía de Cegasal, apoiada de forma entusiasta polo Goberno da Deputación, que fomenta o traballo de calidade das persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Os traballadores que protagonizan esta mostra fotográfica son un exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico.

Estas 24 imaxes seleccionadas mostran aos traballadores no seu día a día, a profesionais que non tiveron o acceso ao mercado laboral, nada fácil, pero que hoxe simbolizan o espírito de CEGASAL. Esta organización, fundada fai 22 anos e que conta con 28 empresas, pretende ser un referente a nivel nacional na defensa, na promoción e na representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro.

Durante o acto de inauguración da exposición, o presidente de Cegasal, agradeceu ao Goberno da Deputación, a sensibilidade e colaboración á hora de albergar esta exposición e detallou os problemas aos que se enfrontan as persoas con capacidades diferentes á hora de atopar o seu primeiro emprego.

Cegasal


Cegasal, a Asociación Galega de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro, é unha organización multisectorial constituída en Galicia en 1997. O seu obxectivo é fomentar o emprego de calidade para as persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. A día de hoxe, conta con 28 centros especiais de emprego asociados (Hornos, Lamastelle, Coregal, Trameve, Dixardín o Ilunion... entre outros), que facturan
no seu conxunto preto de 35 millóns de euros anuais. En Lugo, a asociación, presidida por José Antonio Vázquez Freire, conta con dous centros especiais de emprego: Grafinco e Produtores de Carne da Ribeira Sacra, que dan emprego a 18 persoas con discapacidade.