Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial acolle a presentación do libro Arquitecturas debuxadas: Compostela

Museo Provincial
Arquitecturas debuxadas
Compostela
Presentación do libro 'Arquitecturas debuxadas: Compostela'
Santos Ramos e Santiago Catalán presentaron esta obra que amosa un percorrido polas rúas e os edificios emblemáticos de Santiago de Compostela. No ano 2017, o autor seguiu este mesmo patrón na cidade de Lugo

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, e o autor do libro, Santiago Catalán, participaron, este martes no Museo Provincial de Lugo na presentación da obra Arquitecturas debuxadas: Compostela. Esta publicación conta cun fermoso e didáctico percorrido pola historia, as rúas e as arquitecturas máis notables de Compostela, debuxadas polo arquitecto.

Santos Ramos subliñou que “Santiago Catalán continúa o seu traballo mostrando un percorrido polas rúas e os edificios máis emblemáticos das cidades galegas poñendo en valor a nosa historia. Primeiro, fíxoo na cidade de Lugo no 2017, amosando as obras máis significativas, dende a Muralla romana ao Círculo, pasando pola Casa Consistorial e tantos outros edificios notables. Hoxe presentamos esta publicación que fai protagonista a  cidade de Santiago”.

Santiago Catalán

Arquitecto, debuxante e pintor, estudou na Escola de Arquitectura de Madrid e compaxinou a súa faceta profesional ca súa dedicación ao debuxo e ao mundo da arte. Actualmente vive na cidade de Lugo e foi fundador e socio da Galería Bacabú, dende 1998 a 2001, un grupo formado por 5 figuras do panorama artístico lucense. A día de hoxe, o debuxante traballa en dous novos proxectos, que son as Arquitecturas Debuxadas dedicadas a Vigo e Pontevedra.