Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 200 litros de viño degustáronse na IX Festa do Viño de Negueira de Muñiz

Negueira de Muñiz
Festa do Viño
IX Festa do Viño de Negueira de Muñiz
Esta cita incluíu actuacións musicais, xantar popular de polbo e churrasco, ou xogos para os máis cativos. Ademais puxéronse á venda alimentos producidos na zona como embutidos e queixos, elaborados artesanalmente

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, participaron este sábado na IX Festa do Viño do municipio, na que se ofreceron, durante toda a xornada, máis de 200 litros de viño. Ademais tamén se expuxeron alimentos producidos na zona como embutidos, queixos, pan froitas ou hortalizas, elaboradas artesanalmente. Esta cita, coa que colabora a Deputación, acadou este ano a súa novena edición.

Campos Conde subliñou que “a Festa do Viño de Negueira de Muñiz contribúe a poñer en valor os produtos lucenses, polo que contribuímos a poñer en valor o traballo diario e meticuloso que desempeñan, durante todo o ano, os viticultores da Montaña lucense, o que se percibe na calidade dos nosos viños”.

Ás 12:00 horas iniciouse, esta  xornada de festa, co pregón a cargo do presentador de deportes da Televisión de Galicia, Terio Carrera; e realizouse a apertura do mercadillo de produtos da zona. Ademais antes, do xantar houbo unha actuación do grupo Os Pampirolos. Este evento, tamén incluíu unha degustación gratuíta de viños tintos e brancos e un xantar popular de polbo e churrasco. Xa pola tarde, os asistentes puideron gozar das actuacións musicais da orquestra Waykas Family. Durante todo o día houbo xogos infantís para os máis cativos.