Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 100 expositores participan na XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro, coa que colabora a Deputación

Pedrafita
Feira do Queixo do Cebreiro
XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro
Esta cita, declarada Feira de Interese Turístico Galego, reuniu a milleiros de persoas que desfrutaron de actuacións musicais, xantar popular e puideron mercar produtos tradicionais ou de indicación xeográfica protexida

O Presidente, Darío Campos Conde, o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, e o Alcalde de Pedrafita, José Luis Raposo Magdalena, participaron este venres na XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro, coa que colabora o Executivo Provincial. Esta cita, declarada Feira de Interese Turístico Galego, reuniu a máis de 100 expositores que puxeron á venta máis de 3.000 pezas de queixo do cebreiro e outros produtos tradicionais ou de indicación xeográfica protexida.

A XXXIII Feira do Queixo do Cebreiro, un dos eventos gastronómicos máis asentados e significativos da provincia, reuniu a milleiros de persoas neste municipio, que ao longo de toda a xornada desfrutaron do pasarrúas a cargo da charanga DGT; unha actuación de baile rexional a cargo da Asociación Cultural Xistra de Pedrafita do Cebreiro; a lectura do pregón, realizado por Manuel Lolo Aira e un xantar popular.

Esta cita enxalza a o queixo do cebreiro, produto que conta con Denominación de Orixe Protexida dende o ano 2008, e realízase con leite de vacún, sen conservantes nin produtos engadidos. A súa de zona de produción comprende os concellos de Pedrafita, O Courel, Cervantes, Triacastela, As Nogais, Navia de Suarna, Becerreá, Baralla, Baleira, Castroverde, A Fonsagrada, Láncara e Samos.