Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

ASPACE atende a 19 usuarios con parálise cerebral da provincia, co apoio do Goberno da Deputación

benestar
ASPACE
O Goberno da Deputación con ASPACE
A través de actividades de rehabilitación, fisioterapia, deportes, estimulación multisensorial ou ocio e entretemento, este colectivo social, tenta mellorar a calidade de vida de veciños dos concellos de Lugo, Antas de Ulla, O Corgo, Portomarín e Sarria

López Izquierdo sinalou que “dende o Goberno da Deputación, sumamos esforzos con ASPACE, co fin de mellorar o benestar das persoas con capacidades diferentes que integran a nosa sociedade”

A parálise cerebral é unha discapacidade producida pola lesión do cerebro na xestación, o parto, ou durante os primeiros anos de vida nos nenos. Esta é a unha das causas máis frecuentes de discapacidade motora, e a máis frecuente en nenos

A Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios de ASPACE Lugo (Asociación de Nais e Pais de menores afectados por Parálise Cerebral da Provincia de Lugo), coa que colabora o Executivo Provincial. Acompañada de membros da directiva deste colectivo social, coñeceu as necesidades das persoas que padecen este tipo de trastorno, ás que, ASPACE, presta atención profesional, tratando de mellorar a súa calidade de vida e de benestar.

López Izquierdo sinalou que “este colectivo social, que atende a 19 usuarios dos concellos de Lugo, Antas de Ulla, O Corgo, Portomarín e Sarria, tenta mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral a través de numerosas actividades como boxeo, surf, mergullo adaptado ou excursións pola cidade, entre outras. Dende o Goberno da Deputación, sumamos esforzos con ASPACE, co fin de mellorar o benestar das persoas con capacidades diferentes que integran a nosa sociedade”.

ASPACE, conta con 34 socios e un equipo de profesionais formado por: 2 educadores sociais, 1 terapeuta ocupacional, 1 fisioterapeuta e 1 traballadora social que prestan atención a persoas con parálise cerebral. Nestes momentos son  19 usuarios dende os 4 ata os preto de 60 anos de idade. En ASPACE contan cunha ampla programación de actividades de rehabilitación, ocio e entretemento, dirixidas a mellorar a calidade de vida dos usuarios, como excursións ou saídas de lecer pola cidade de Lugo.

A través da colaboración da Deputación, este colectivo social, pode financiar o servizo de fisioterapia que realizan na piscina da escola infantil Lucus Baby, pois adáptase ás necesidades e características físicas dos usuarios. Ademais realizan numerosas actividades deportivas como, boccia, boxeo, petanca, voleibol, buceo adaptado e surf. Co fin de mellorar o seu día a día traballan na terapia ocupacional, fisioterapia,  rehabilitación e estimulación multisensorial, ademais de prestar asesoramento, orientación e información ás familias, a través do servizo de traballos sociais.

Parálise cerebral e ASPACE Lugo
A parálise cerebral é unha discapacidade producida pola lesión do cerebro na xestación, o parto, ou durante os primeiros anos de vida nos nenos. Xeralmente, supón unha discapacidade física en maior ou menor grado, pero tamén pode ir acompañada dunha discapacidade sensorial ou intelectual. Segundo a Confederación ASPACE, esta é a unha das causas máis frecuentes de discapacidade motora, e a máis frecuente en nenos. Estímase que entre un 2 e un 2.5 por cada mil nacidos en España teñen parálise cerebral, é dicir, 1 de cada 500 persoas.

ASPACE LUGO créase no ano 1994, por un grupo de pais e nais de nenos afectados por parálise cerebral. Este colectivo social, enmárcase na Confederación ASPACE, que conta con máis de 70 asociacións locais, 230 centros especializados e un equipo de 4.500 profesionais en España.

 

O Goberno da Deputación con ASPACE