Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Cervantes acordan construír un centro de maiores público no municipio

Cervantes
benestar
Sinatura protocolo construcción centro de maiores
Campos Conde e Gómez Tadín asinaron o protocolo xeral para construír un centro para maiores no Concello, co que ofrecer atención profesional aos veciños do municipio, así como aos da bisbarra

Trátase do primeiro documento co que se inician os trámites para a construción do centro. De seguido, dende a Deputación redactarase o proxecto e o Concello deberá facer unha achega de 200.000 euros, ceder os terreos e conceder as licencias

Previsiblemente, o centro poderá ofrecer 50 prazas, 30 de residencia e 20 de centro de día, garantindo o acceso aos veciños do Concello e da zona, con independencia da súa capacidade económica

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, asinaron o protocolo xeral entre ambas institucións para construír un centro para maiores público en dito municipio da montaña lucense. Trátase do primeiro documento co que se inician os trámites para dotar a Cervantes dunha infraestrutura pública de atención aos maiores.
 
A través deste protocolo que veñen de asinar, Deputación e Concello de Cervantes acordan comezar cos procedementos xurídicos e administrativos necesarios para construír no municipio un centro de maiores que ofreza atención profesional aos veciños da zona, co fin de ter listo canto antes o convenio de colaboración. Ademais, o Concello comprométese a facer unha achega de 200.000 euros, ceder os terreos e conceder as licencias necesarias para poder executar estes traballos, tal e como fixeron o resto de municipios que contan cunha dotación social destas características.

De seguido, dende a Deputación iniciarase a redacción do proxecto para poñer á disposición dos veciños un centro de día e residencia público, co fin de ofrecerlles un servizo moi necesario pois, en Cervantes, máis do 40% da poboación supera os 65 anos. Logo da redacción do proxecto, e cando o Concello poña á disposición da Deputación os terreos, poderase licitar a obra.

O proxecto continuará co modelo de residencias da Deputación, ofrecendo, en principio, un total de 50 prazas, 30 de residencia e 20 de centro de día. Por outra banda, Deputación e Concello buscan implantar o modelo de acceso aplicado nos centros de Pol, Trabada, Fonsagrada ou Ribadeo. Para elo, aprobaranse os convenios que garanten a xestión pública dos centros dende a Deputación, que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello, en segundo termo para os da bisbarra, e por último para lucenses en xeral.

Tamén se garante que todos os veciños poidan acceder ás prazas das residencias e centros públicos da Deputación nos Concellos, independentemente da súa capacidade económica.

Sinatura protocolo construcción centro de maiores